As Pontes, 17 de outubre de 2023. As Pontes celebrará durante toda esta semana o Día das Biliotecas, cunha proposta cultural deseñada pola Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco na que se mestura a literatura coa música, a maxia e o lecer.

Con esta celebración, a Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco, quere trasladar á veciñanza a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos ponteses e pontesas de todas as idades e, ao mesmo tempo, e resaltar o seu papel como un instrumento de mellora da formación e da convivencia cidadá.

A través das distintas actividades “búscase romper coa imaxe preconcebida que existe entorno ás bibliotecas. Queremos amosala como o que realmente é; un espazo socializador e integrador, no que os libros e a cultura están ao alcance de toda a veciñanza, achegándoa dunha forma divertida, próxima e afastada dos estereotipos, non só a Biblioteca senón tamén á literaturasinala Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura.

As actividades arrancarán o mércores, 18 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal , coa presentación do libro “Entre algodones, botines y corazones” de Maxi Castilla, xogador do CD As Pontes. Maximiliano Castilla, orixinario de Montevideo, debutou en Miramar Misións en 2013 club que defendeu ata 2016. Xogou en Villa Española, Platense, A Luz, Sant Jordi, Santa Josep e Penya Deportiva. O últimos tres equipos en terras ibicencas. Volveu a Uruguai para xogar en Villa Española. Publicou en 2022 o seu primeiro poemario e tras a súa volta a España, publicou unha nova edición do seu libro que produce diariamente.

O xoves, 19 de outubro, as actividades continuarán, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal, cunha sesión do club de lectura no que se comentará, xunto coa autora, a novela “Non penses nun elefante rosa” de Antía Yáñez.

Unha escritora con moito talento que recibiu varios premios na súa terra natal e considéraselle como unha das novas voces literarias galegas. A súa primeira novela para adultos, Senlleiras, mereceulle o recoñecemento unánime de crítica e público. Combina a escritura para adultos coa literatura infantil. O seu último libro para mozos lectores, Plan de rescate, mereceulle o premio III Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade (2019).

O venres será a quenda para o público máis novo, coa representación, a partir das 18:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, do espectáculo “A Galiña azul”, da compañía Tanxarina. Trátase dun espectáculo de títeres e autores destinado a un público infantil e familiar, onde falarán da diversidade e de solidariedade.

Xa o sábado, Día das Bibliotecas, a programación para conmemorar esta efeméride comezará ás 17:30 horas, na Biblioteca Municipal co espectáculo de maxia do Mago Teto, “A maxia dos contos”. O Mago Teto sacará do seu sombreiro un show no que se mistura a narrativa de contos e xogos de maxia. A actividade consta dunha antoloxía de sete contos que abordan de maneira central a figura do ilusionista.

A continuación, a partir das 18:30 horas, será a quenda para o recital do Grupo Poético Alalá, que celebra o seu 20 aniversario, e no que amosarán ao público asistente as súas creacións.

Finalmente, o grupo local Nimbos ofrecerá, a partir das 19:00 horas, un pequeno concerto acústico dos seus temas co que covidará a todas as persoas asistentes a gozar da música en directo.

O DÍA DA BIBLIOTECA

Desde o ano 1997, o 24 de outubro, a petición da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura, celébrase en toda España o Día das Bibliotecas, para recordar a destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico e co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos bibliotecarios/ as.