As Pontes, 2 de decembro de 2021. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado polo concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, visitou as obras de renovación integral do pavillón polideportivo Monte Caxado, un proxecto valorado en 228.796,59 euros financiado, conxuntamente pola Deputación da Coruña e o Concello.

O rexedor local lembrou que “está é unha obra moi necesaria, o pavillón foi construído a finais dos anos 80 e só sufriu rehabilitacións parciais, e necesita dunha actuación en profundidade para responder á demanda existente no Concello xa que nestas instalacións, ademais do uso do propio centro educativo, tamén se practican baloncesto, fútbol sala, patinaxe e outras actividades deportivas”.

As obras que se están levando a cabo inclúen a rehabilitación do tellado para mellorar a saúde e as condicións de illamento térmico de toda a edificación. Con tal fin, eliminarase o material de revestimento de fibra de cemento e o falso teito para substituílo por un panel sándwich, incorporando dous aireadores na dorsal da cuberta para mellorar a renovación do aire interior.

Ademais rehabilitarase gran parte da fachada para mellorar tamén as condicións de illamento térmico e sanitario do pavillón polideportivo así como a súa iluminación natural para o que se instalará un illamento interior coas mesmas características do tellado e, así mesmo, as follas de poliéster da fachada tamén se substituirán por outras de policarbonato compacto con tratamento de protección contra os raios UVA.

O proxecto tamén contempla a renovación do pavimento na pista, adaptado ás demandas das diferentes disciplinas deportivas que se practican nesta instalación. Deste xeito, disporase un pavimento deportivo con acabado en tarima de madeira para uso multiusos de interiores e de alta competición, axeitado para a práctica de fútbol sala, baloncesto e deportes sobre rodas como o patinaxe e o hockei sobre patíns.

Substituirase, así mesmo, a iluminación actual da zona deportiva, substituíndo as lámpadas existentes por tecnoloxía LED para reducir o consumo de electricidade e mellorar a eficiencia enerxética e luz deste edificio.