As Pontes, 10 de outubre de 2023. O lago das Pontes acollerá o xoves, 12 de outubro, a o segundo campionato internacional de ciclocross; unha proba organizada polo club de ciclismo As Pontes, coa colaboración do Concello, na que se dará cita máis de catro centos ciclistas da elite do ciclismo nacional e internacional, na categoría C2-UCI e na que participarán o campión masculino de España, Felipe Ors, así como a campioa de España da disciplina, Lucía González e os líderes da Copa España. A proba contará ademais coa presenza de equipos internacionais procedentes de Bélxica, Holanda, Francia e Estados Unidos.

Elena López, concelleira de Deporte, durante a rolda de presentación da proba, que tivo lugar esta mañá no lago de As pontes, agradeceu o esforzo, tanto do Club como da Federación Galega e a Federación Española de Ciclismo na organización desta proba, “o ano pasado apostaron por esta proba, que era descoñecida para a maior parte da veciñanza, demostrando que é un evento que debe ter continuidade. A proba tivo unha importante repercusión comunicativa contribuíndo a reforzar a promoción do lago e a súa capacidade para acoller probas deportivas que implican un gran despregamento de loxística e infraestruturas. Este campionato vai converter As Pontes, novamente, nun escaparate internacional, feito que supón unha oportunidade de promoción única para a nosa vila que debemos aproveitar”.

Marcos Fernández, presidente do Club Ciclista As Pontes, sinalou que se trata dunha proba obrigatoria para poder acceder aos campionatos de Europa e aos campionatos mundiais. “Os/as ciclistas teñen que ter, polo menos, cinco participacións en carreiras deste tipo para poder formar parte das seleccións dos seus países, feito que lle concede máis importancia á proba das Pontes xa que, sen probas como a que se celebrará o xoves, os/as ciclistas non poderían participar noutro tipo de campionatos”.

A proba disputarase nun circuíto de 3,3 quilómetros, cerrado e completamente balizado, no que se aproveitan as características do lago e a súa contorna e no que o público asistente poderá ver, en todo momento, aos/as ciclistas participantes que terán que enfrontarse a 2500 metros de herba, 450 metros de grava, 200 metros de terra e 150 metros de area e superar diferentes tipos de obstáculos, tanto naturais como artificiais, tales como pasos elevados, taboleiros, ladeiras ou chanzo.

“Este ano cambiamos a zona de meta e de saída para darlle maior visibilidade á praia do lago. Tamén incorporamos novidades na zona da pista multideporte así como un novo obstáculo ao final do areal para facer máis atractiva esta proba”, explicou Marcos Fernández

O campionato comezará ás 09:30 horas coas quendas nacionais, por grupos de idade, e a partir das 12:00 horas darase paso ás categorías internacionais que serán retransmitidas por streaming a través das canles de comunicación do campionato.

Finalmente, a concelleira de Deporte, animou á veciñanza da vila e da comarca a achegarse ata o lago para “ver unha proba que, normalmente, no podemos ver no noso territorio”