As Pontes, 17 de novembro de 2022.  O Concello das Pontes abre mañá o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de agasallos de Nadal.

Esta iniciativa, que se pon en marcha por primeira vez no municipio, ten como obxectivo que “todos os nenos e nenas das familias pontesas, que se atopan nunha situación de vulnerabilidade, poidan gozar dun agasallo nestas datas tan sinalada. A través desta convocatoria de axudas queremos fomentar a igualdade e permitir que todas as nenas e nenos poidan sentir a ilusion de recibir un agasallo no Nadal”

A contía individual para cada persoa beneficiaria, segundo o número de menores que compoñan a unidade familiar, irá desde os 50 euros, no caso de existir un/ha único/a menor, e chegará ata os 240 euros no caso de unidades familiares nas que existan ata 6 menores.

Esta contía farase efectiva a través dun vale, asinado pola Concellería de Benestar Social, que se entregará á familia beneficiaria polo importe total da axuda concedida en función dos/das menores que a conformen e trocarase por xoguetes, cds, libros, roupa deportiva, artigos de deporte ou material relacionado coas novas tecnoloxías nos establecementos comerciais das Pontes.

As persoas que poderán solicitar estas axudas serán as unidades familiares de convivencia, empadroadas e residentes no municipio, cunha antigüidade mínima de catro meses, cuns ingresos económicos que non superen o 1,5 veces o IPREM,(para o ano 2022) incremen-
tando un 15% por cada
nova persoa que integre a da unidade familiar.

As persoas beneficiarias serán menores, de non máis de 17 anos e, no caso de persoas con discapacidade recoñecida, superior ao 33%, o límite de idade será de 24 anos (a data 1 de decembro de 2022)

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude e no Rexistro Xeral do Concello, previa cita nos teléfonos 667129389 / 667129380, desde mañá e ata o 1 de decembro.

Xunto co modelo de solicitude cuberto, hai que achegar o DNI da persoa solicitante, o libro de familia completo ou documento análogo (acta ou partida de nacemento), xustificación da situación económica de todas as persoas que compoñen a unidade familiar maiores de 16 anos achegando, no caso de estar en situación de desemprego un informe de vida laboral, nóminas xustificativas dos ingresos percibidos- no caso de ter traballado durante o ano 2022-, certificado emitido polo Servizo Público de Emprego Estatal que xustifique o cobro ou non de prestación/subsidio por desemprego ou certificado emitido polo INSS que xustifique o cobro ou non de pensións/axudas públicas.

No caso de estar en activo por conta allea será preciso achegar un informe de vida laboral e unha copia das últimas seis nóminas e no caso de esta en activo por conta propia informe de vida laboral e copia das auto liquidacións trimestrais do IRPF e IVE correspondentes ao exercicio natural no que se publica a convocatoria.

BASES DA CONVOCATORIA: VER

MODELO SOLICITUDE: DESCARGAR