As Pontes, 9 de marzo de 2023. O Concello das Pontes abre o prazo de inscrición para participar nos campamentos urbanos de conciliación familiar de Semana Santa, unha proposta da Concellería de Igualdade que ten como obxectivo prioritario permitir ás familias do municipio conciliar a vida laboral, persoal e familiar durante as vacacións escolares de Semana Santa.

Os campamentos, dirixidos a nenas e nenos nados entre 2011 e 2019, desenvolveranse os días 3,4, 5 e 10 de abril e inclúen diferentes propostas de actividades lúdico-educativas orientadas a promover valores como o respecto mutuo, a tolerancia, a igualdade e a colaboración, encamiñados a facilitar a convivencia entre os/as menores.

As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas. Hai 30 prazas dispoñibles, sendo necesarias un mínimo de 10 inscricións para poder levar a cabo a actividade. A cota de inscrición é de 10 euros.

As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos e fillas nestes campamentos de conciliación familiar deben estar empadroados no Concello das Pontes , dándoselle prioridade ás familias con ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM 2023, límite que se incrementa nun 15% cando se trate de familias monomarentais/monoparentais ou familias numerosas.

Para a xustificación destas situacións é preciso achegar a seguinte documentación: fotocopia do libro de familia (en caso de ser o primeiro ano de inscrición), fotocopia do DNI das persoas solicitantes e menores (en caso de ser o primeiro ano de inscrición) certificado de empadroamento do/a menor e solicitantes ou autorización para a comprobación destes datos no padrón municipal e declaración da renda do 2021 ou xustificante de non ter a obriga de facela.

Ademais haberá que achegar certificados de empresa conforme se está traballando ou non en período de vacacións (para as persoas autónomas entregarase fotocopia do último recibo de autónomos), certificado da entidade que imparte a formación de estar asistindo a ela, declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico (de ser o caso) así como outra documentación que se requira para xustificar as diferentes situacións de respiro familiar ou similares.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Municipal do Concello, previa cita, nos números de teléfono 667 12 93 89/667 12 93 80, desde o 9 ao 20 de marzo en horario de 08:30 a 13:30 horas, no rexistro municipal.

Tamén poderá enviarse a inscrición e a documentación a través da sede electrónica: https://sede.aspontes.org/sxc/gl/index.html comezando o prazo o día 9 de marzo ás 00.00 e rematando o prazo o 20 de marzo ás 14:00 horas.

BASES: VER

FICHA INSCRICIÓN: DESCARGAR