As Pontes, 30 de maio de 2020. A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes acordou, onte, a aprobación inicial do proxecto de urbanización do Poboado das Veigas que suporá un investimento de 4,5 m €.

O proxecto presentado pola empresa propietaria dos terreos contempla unha transformación integral dos equipamentos públicos que permitirá a renovación dos servizos de saneamento,  abastecemento, alumeado, rede eléctrica e telecomunicacións, así como completar a urbanización precisa para que os terreos nos que se asenta o Poboado das Veigas acaden a condición de solar.

O concelleiro responsable da área de Urbanismo, Antonio Alonso, sinala que “culmina así un arduo camiño iniciado no ano 2011 que permitirá que a veciñanza do ámbito das Veigas se vexan equiparada en dereitos e servizos ao resto dos veciños e veciñas pontesas”.

Alonso recorda que unha vez executada a obra, en base ao convenio asinado con Endesa non ano 2016, a empresa propietaria dos terreos entregará, sen custo algún, os espazos de titularidade pública ao ente municipal (viario, zonas verdes e equipamentos).

“Pasarán a todos os efectos, tras a súa renovación, a formar parte do tecido urbano do municipio, o que nos permitirá darlle aos seus actuais residentes os mesmos servizos que a toda a veciñanza, evitando erros do pasado, como cando se recibiron os Poboados da Fraga, Barreiro, Muíño e Magdalena cos servizos urbanos sen actualizar, circunstancia que nos obrigou a investir máis de 6 M € na súa renovación” subliña o edil.

Tras esta aprobación inicial abrirase un período de exposición pública de trinta días para presentar alegacións e posteriormente o Concello das Pontes poderá proceder a outorgar a licenza correspondente para comezar coas obras de urbanización no Poboado das Veigas.