A corporación municipal, en sesión ordinaria, deu onte luz verde á adxudicación do contrato de xestión do servizo público de recollida de residuos no Concello e transporte á ecoplanta de Narón, limpeza viaria e xestión do Punto Limpo.

A unión temporal de empresas Soil Recovery Sl- Valoriza Servizos Medioambientais farase cargo deste contrato durante os vindeiro 12 anos o que suporá unha inversión de 5.712.025 euros sen IVA, un 23% menos que o prezo inicial establecido para este contrato con algo máis de 7,1 millóns de euros.

 Neste punto a alcaldesa en funcións Montserrat García quixo deixar de manifesto que ningún representante do goberno municipal forma parte das mesas de contratación, que está integrada exclusivamente por persoal técnico do Concello, e que os pregos de contratación son elaborados exclusivamente pola secretaría e a intervención do Concello.

Asemade, ao longo da sesión tamén recibían luz verde varias modificacións con respecto ás obras que, este ano, se van acometer con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación 2016. Así as cousas, tras solventar temas de documentación e erros, goberno e oposición aprobaban a ratificación das obras de mellora da seguridade viaria e renovación do saneamento na Avenida das Campeiras e Rúa covelos; acondicionamento de beirarrúas na rúa Irmáns Tojeiro, Alcalde José Vilaboy Pajón, Soutomaior e rúa da Saúde, rehabilitación do polideportivo do Colexio A Magdalena e reparación das estradas no Pazo, Teixedelos, Casa do Vento, Carballal e Mazcoto, por algo máis de 361.000 euros.

Tamén goberno e oposición respaldaron a modificación dos proxectos: mellora da accesibilidade e renovación do pavimento na avenida de Lugo e reparación de estradas no Vilar, Regalados, A Graña, Caneiro, A Rega, Paipaz, A dA, Castiñeiro, Marraxón, Os Currás, A Pereira e Recemonde, obras que suporán unha inversión de 340.000 euros con cargo ao plan de acción social da Deputación da Coruña.

Consenso tamén á hora de aprobar inicialmente a nova ordenanza que regulará a protección de camiños e vías públicas municipais do Concello en relación coas actividades forestais. Unha medida necesaria, que según subliñaba Antonio Alonso, se adopta como método de protección ante os destrozos de camiños e viais por parte das compañías forestais , e que posteriormente o Concello ten que facer fronte  o seu arranxo.

Outro dos puntos do día foi a nomenclatura da rúa que vai entre o Brixeo e o Paseo da Constitución como rúa Monte Medulio e que tamén recibía respaldo da corporación ademáis dun expedente de recoñecemento extraxudicial de crédito que permitirá aboar facturas por un montante de 42.000 euros, que se aprobou cos votos favorables do grupo de Goberno.

No capítulo de mocións, Xuntos por As Pontes presentou tres textos que recibiron o respaldo da maioría da cámara.

Así o Concello comprometeuse a estudar a posible recuperación do premio Uxio Novoneyra de poesía, previo contacto coa fundación que dirixe a esposa do finado poeta; a declaración de As   Pontes como vila libre de circos con animais e a demanda, á Xunta de Galicia do cumprimento real e efectivo da carta europea das linguas rexionais e minorizadas.

As que non sairon adiante por falta de apoio,  foron as tres mocións do BNG, uns textos nos que a formación frontista reclamaba maior  publicidade das axudas municipais a asociacións de todo tipo afincadas na nosa vila e tamén á propia comisión de festexos do Carme e a Fraga, no que propoñían a inclusión da esixencia os membros que formen parte da comisión de festas, estar o corriente das súas obrigas coa administración a título persoal

Neste punto, Montserrat García explicaba que se está a cumplir xa con todos os requisitos establecidos e regulados nas leis de transparencia e boas prácticas  da administración, na lei xeral de subvencións e na lei de transparencia galega, todas elas recollidas nas bases de subvención en concurrencia competitiva que se aproban a tal efecto, polo que a concesión destas subvencións está perfectamente regulada e garantida a súa publicidade e transparencia, polo que asegurou que as mocións presentadas non eran necesarias nin aportaban nada novo. Neste punto fixo un agradecemento  expreso a todos os membros das comisións de festas do Concello, no que puxo de manifesto o recoñecemento ao seu traballo totalmente desinteresado e altruísta e o seu esforzo e sacrificio de moitas horas de traballo para que todos poidamos disfrutar tanto das festas patronáis como parroquiais e de barrio.

Finalmente o apartado de preguntas alargouse por algo máis de dúas horas e media, nas que os grupos da oposición plantexaron unha extensa batería de preguntas que foron contestadas unha a unha polo grupo de Goberno.