As Pontes, 30 de xaneiro de 2024. Hoxe, ás 10 da mañá, nun acto celebrado no salón de plenos municipal, tomaban posesión do seu posto os dous novos membros do corpo de policía local do Concello das Pontes.
Tras superar o proceso de selección convocado en febreiro do 2023, os dous aspirantes acadaban a máxima puntuación. O primeiro deles incorpórase ao plantel da policía local como funcionario de carreira, mentres que o outro faino como funcionario en prácticas.
O Concelleiro-Delegado da área de xestión económica e primeiro tenente de alcalde, Antonio Alonso, presidía o acto e indicaba que ademais destes dous novos membros da policía local, “o Concello atópase actualmente nun proceso de incorporación de novo persoal que vai ocupar diversos postos dentro da administración local.”
Paralelamente a estas incorporacións, actualmente o Concello das Pontes iniciou unha fase de consolidación de case sesenta empregados. En canto a unha nova oferta de emprego público, no caso da policía local hai previsión de convocar outras tres prazas ao longo deste ano, segundo anunciou Antonio Alonso.