As Pontes, 4 de novembro de 2021. Desde o verán deste ano 2021, o Concello das Pontes conta con dous novos servizos de información que están a ter cunha gran acollida entre a veciñanza da vila.

Lorena Tenreiro, concelleira de Organización Interna e Medios Locais, apunta que “estes dous servizos de comunicación están a ter unha moi boa resposta entre a veciñanza que valora en gran medida a inmediatez e a transparencia destas novas ferramentas. En tan só 5 meses xa puidemos observar a gran utilidade destas canles e como a cidadanía as vai incorporando progresivamente no seu día a día”.

A canle de whatsapp, que leva activa desde o 1 de xuño e suma preto de 1.000 subscricións, e o boletín de novas vía e-mail, en funcionamento desde agosto e con máis de 300 altas. Entre as dúas novas canles suman preto de 1.300 subscricións en apenas 5 meses que levan en vigor.

O servizo de información municipal vía whatsapp conta cun rateo aproximado de 3 a 4 envíos semanais no que se comunica tanto información de servizo, como diferentes novas da xestión municipal e tamén datas de eventos deportivos ou culturais.

Os interesados ou interesadas en recibir nos seus móbiles todo o que sucede nas Pontes, de forma instantánea, deben enviar a palabra ALTA ao número 617 701 200 e, a partir dese momento, comezarán a recibir as novas.

Namentres, o boletín informativo conta cun envío semanal, os venres, no que se realiza un resumo informativo das principais novas das Pontes para que os veciños e veciñas estean ao tanto da xestión municipal e da actualidade do consistorio.

Aquelas persoas que queiran darse de alta neste servizo vía email deberán inscribirse a través da web municipal, cubrindo un formulario no que deberán indicar o seu nome e o enderezo electrónico no que desexan recibir esta comunicación. Tamén poden subscribirse na seguinte ligazón: http://eepurl.com/hCvfl9