As Pontes, 5 de xuño de 2024. Preto de 200 xinetes e amazonas confirmaron a súa participación na segunda edición de “As Pontes Ecuestre”. A cita reunirá este domingo na contorna do lago a un total de 210 cabalos pertencentes a clubs de toda a xeografía galega, e cunha forte presenza das provincias da Coruña e Lugo. O Club Hípico Prado Ventura, promotor do evento co apoio do Concello e da Federación Hípica Galega, valorou moi positivamente os rexistros de participación, alentados polo salto de categoría da competición, que nesta segunda edición acollerá probas de carácter autonómico.

A uns días de que se celebre o certame, o director deportivo, Federico Pérez Lago, avanzaba que a organización traballa xa a pé de terreo, habilitando a pista de competición, de 200 m de lonxitude e 35 m de ancho. A primeira proba do calendario será a do Campionato Galego de Andadura, que arrincará ás 11:00 h, coa participación de 120 cabalos. Unha hora despois prevese o inicio do Concurso de Saltos Territorial, con 60 saídas a pista. E xa pola tarde, ás 17:00 h, arrincará a proba do Campionato Galego de Enganche, con 12 participantes, así como o torneo triangular de horseball -baloncesto a cabalo-, con partidos de 30 minutos entre equipos de Redondela e Pontevedra.

Ademais, a técnica hípica de Prado Ventura, Noa García, lembra que á tarde o certame convidará a nenos/as, mozos/as e persoas adultas a participar nos bautismos hípicos, unha boa forma de achegarse a esta práctica deportiva. Será de 17:00 a 19:00 horas.

O salto de categoría das diferentes probas tamén trae consigo a dotación económica dos trofeos, e repartiranse preto de 3.000 euros na competición. Premios que se entregarán sobre as 19:00 h, pechando o certame.

Por último, tanto dende o Club Hípico Prado Ventura como dende o Concello das Pontes anímase á cidadanía a secundar a cita, e desfrutar do espectáculo que, de seguro, darán xinetes e amazonas.

Horarios estimados de As Pontes Ecuestre:

-09:00 H: Recepción de participantes

-11:00-14:30 e de 15:30 a 19:00 H: Campionato Galego de Andadura

-12:00-14:30 e de 15:30 a 17:00 H: Concurso de Saltos Territorial

-17:00-19:00 H: Campionato Galego de Enganche

-17:00-19:00 H: Torneo triangular Horseball

-19:00 H: Entrega de premios e clausura