As Pontes, 1 de xuño de 2022. A Concellería de Cultura do Concello das Pontes prepara xa, tras dous anos de parón provocado pola Covid19, a cuarta edición da Noite Meiga que se celebrará o xoves, 23 de xuño, a partir das 20:00 horas, no Canal IV.

Esta cita, como nas edicións anteriores, ten como obxectivo recuperar e potenciar a celebración de San Xoán e servir de punto de encontro de toda a veciñanza para o cal deseñouse un programa pensado para todos os públicos.

Entre as actividades programadas destacan un obradoiro infantil, para nenos e nenas de ata 12 anos de caracterización de bruxos e meigas, pintacaras e xogos.

Así mesmo a veciñanza e as persoas visitantes poderán gozar do espectáculo de rúa itinerante e participativo, “A noite das boas meigas” no que se mesturarán disciplinas como a maxia, os malabares e o teatro, facendo ao público protagonista.

A celebración continuará cun primeiro pase do Grupo Assia, ata ás 23:30 horas, momento no dará comezo un ritual para encender a fogueira de San Xoán. A partir das 00:30 horas volverá a música do Grupo Assia e a celebración rematará coa actuación do DJ Manu Chady

Por outra banda, como en anos anteriores, a partir das 20:30 horas dará comezo unha sardiñada popular a un prezo de 10 euros por persoa.

O concelleiro de Cultura, Vicente Roca, anima a toda a veciñanza a gozar da IV Edición da Noite Meiga, “unha proposta cultural que en poucas edicións se converteu nun punto de encontro da veciñanza que desexaba gozar dunha tradición moi arraigada na nosa vila. Desexo que este ano, como nos anos anteriores, sexamos capaces de facelo con sentido e respecto para lograr unha celebración segura”