I Mushing lago de As Pontes

84

As Pontes, 29 de setembro| O lago de As Pontes e os seus arredores acollerá, o vindeiro mes de novembro, unha proba do máis novidosa á par que atractiva e espectacular: o primeiro Mushing lago de As Pontes.

Trátase dunha competición, que será puntuable para a Liga Galega desta disciplina, e na que os participantes contarán coa colaboura dos seus cans para percorrer diferentes distancias empregando dende patíns ata a bicicleta, e por suposto, en carreira.

O concello de As Pontes colaborará, unha vez máis, na posta en marcha desta novidosa actividade que conta coa organización do clube Lobos de Narahío, que tamén contará coa axuda do clube de montaña O Caxado e Nexo centro veterinario.

Este primeiro Mushing lago de as pontes celebrarase o 5 de novembro, con diferentes categorías. Así, ás 10.00 darase o pistoletazo de saída á proba de patín, bikejoring e canicross e que contará cun percorrido de 3,8 quilómetros.

Xa ás 12.30 comezará a proba de canicross popular, aberta xa a todos os veciños e veciñas que se anoten e que deberán facer fronte, xunto co seu can, ao un percorrido de 2,2 quilómetros de distancia.

As inscricións pódense tramitar mediante a web prueba-t, aínda que o prazo para anotarse non está aberto, polo momento. Con respecto á proba popular, os participantes deberán acreditar que o seu can ten entre 12 meses e 10 anos de idade, aportar a cartilla de vacinacións debidamente cuberta e o seguro de responsabilidade civil.

Para obter máis información poden acceder á web prueba-t onde, nuns días, se publicará o regulamento completo desta proba e se abrirá o prazo de inscrición.