Estrea do documental PEDRÓN DO FREIXO. Unha historia da terra de As Pontes

791

As Pontes, 29 de xaneiro| O 17 de febreiro estréase o documental Pedrón do Freixo, unha historia da terra de As Pontes, no cine Alovi ás 19:30h. A Asociación de Estudos Históricos e Sociais, HUME, fará unha pequena presentación antes do estreo.

FICHA TÉCNICA

  • Xénero: Documental.
  • Formato: Vídeo MPEG 3
  • Duración: 65 minutos.
  • Versión orixinal: Galego.

SINOPSE ARGUMENTAL Pedrón, un home da parroquia do Freixo (As Pontes, A Coruña) duns 80 anos, relata a súa vida chea de duras experiencias, onde o traballo a reo, a ausencia de familia e a integración na comunidade son un reflexo do acontecido na súa terra. A través da súa historia coñeceremos a esencia de O Freixo, unha parroquia chea de vida hai un século, agora camiño do despoboamento.

O HOME: “PEDRÓN”. Nace no Vilar, lugar pertencente á parroquia do Freixo (As Pontes) un 23 de maio de 1933. Fillo de solteira, críase coas súas tías e avoa nun ambiente no que é pouco querido e aproveitado coma man de obra gratuíta. Case non asiste á escola e dende ben novo realiza todo tipo de traballos manuais que o levan a coñecer moi a fondo a natureza da zona e as súas xentes: caza, pesca, colabora na colleita, na malla, cría vacas, galiñas, coloca balados, amaña tellados… calquera traballo que precisase de maña e boa disposición. O desapego que lle amosa a súa familia e a necesidade de sobrevivir lévano a tomar a decisión de emigrar a Francia con 23 anos, onde permanece traballando na construcción e na feitura de quiexos durante cinco anos. De volta ao Freixo continua realizando labores de supervivencia e autoabastecemento. Especialízase na recollida de setas, campo no que é un verdadeiro experto e que o leva a gañar varios concursos micolóxicos, e na cría de abellas, da que coñece todos os segredos. Fai carbón, recolle casca do sanguiño, bendice os males… O seu gusto pola natureza e a súa terra mantéñeno percorrendo cada curruncho da súa parroquia e arredores, onde cultiva unha boa relación cos veciños, dado o seu carácter extravertido desinteresado e cheo de bon humor. Pedrón foi testemuña dos cambios que levaron ao declive do Freixo: a emigración, a política forestal, a caída do pastoreo, a implacable chegada da industrialización, o despoboamento… Agora con 84 anos vive só, sen comodidades, na casa que o viu nacer, coas súas galiñas, cans e gatos e mantendo o humor e a boa relación cos veciños que aínda fican na parroquia e que se resisten a mudarse cos fillos ás Pontes.

A TERRA: O Freixo é unha parroquia situada ao norte das Pontes, que pasou de ser unha zona próspera, con máis de 1700 habitantes e concello propio no século pasado a ser unha zona case despoboada, chea muíños eólicos e dependente do Concello de As Pontes. Está situada a máis de 700 m de altitude (conta co monte máis alto do concello, O Monte Caxado) cun clima continental que lle confire unhas temperaturas extremas no inverno, baixo cero, e unha calor abafante no verán. O vento brúa a todas horas e os muíños non deixan de virar. Grupos de cabalos ceibos e de vacas pastan sen presa entre as virandoiras, que moven furiosas as súas aspas. Os muíños esténdense en todas as direccións, ata onde dá a vista. Unha nervadura de pistas con pendentes imposibles comunican os distintos lugares, moitos deles con un, dous ou tres habitantes, case todos xente maior, porque xa non hai pequenos no Freixo. Así e todo, a pesares da dispersión, todos se coñecen ata moito máis aló da súa parroquia. Os lugares onde viven teñen nomes coma O Sucadío, A Cabana, Ambosores, Niño do Azor, O Vilar, A Pena de Francia, Campoverde, A Insua, Sangoñedo, Torrillón, Tras da Serra, Pena da Loba, Veiga da Nata, A Rega, Merlán… moitos fan referencia á paisaxe, aos montes, á auga, á cantidade de regos que acaban desembocando no Eume, o gran río…