Cultura abre o prazo de presentación de traballos para o certame plástico O Mundo da Micoloxía

51

As Pontes, 13 de outubro| O Concello de As Pontes ven de poñer en marcha unha nova edición do certame O Mundo da Micoloxía, dirixido a estudantes ponteses de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da nosa vila, co obxectivo de fomentar a afección á micoloxía e incrementar os coñecementos dos máis novos sobre as diferentes especies de fungos e cogumelos que podemos atopar no noso entorno.

Os participantes poderán presentar traballos plásticos ou escritos, en grupos de como mínimo 5 integrantes ou ben por unidades educativas, empregando técnicas do máis diversas que representen o mundo dos fungos ou ben mediante un traballo escrito que non supere os dous folios.

O executivo local repartirá un total de 41 premios por valor de 1700 euros canxeables por material escolar ou educativo, entre os diferentes traballos que se presenten nos niveis de educación Infantil, Primaria e Secundaria e de onde sairá tamén o cartel anunciador da Feira de Fungos e Cogomelos de 2018.

Cada proposta deberá ser realizada por un grupo mínimo de 5 alumnos e deberá incluír o nome e apelidos dos participantes, curso, categoría e centro educativo ao que pertencen, dándose a coñecer o nome dos gañadores o vindeiro día 29 con motivo da 28ª Feira de Fungos e Cogomelos de As Pontes, nunha entrega de premios que terá lugar no patio do colexio Santa María.

No tocante ás categorías, está previsto que se repartan 10 premios de 40 euros nas categorías de Educación Infantil, Primeiro Ciclo de Educación Primaria, Segundo Ciclo de Educación Primaria e Educación Segundaria Obrigatoria e, finalmente, un premio de 100 euros para o traballo que resulte gañador deste certame e que servirá para anunciar a Feira de Fungos de As Pontes do vindeiro ano.

Un xurado especializado encargarase de avaliar estes traballos e de escoller aos 41 gañadores aínda que todas as propostas presentadas poderanse visitar na sala de mostras do Mercado Vello entre os días 27 e 29 deste mes de outubro.

No tocante ao prazo de presentación de candidaturas, éste estará aberto ata o venres da vindeira semana, ás 12 do mediodía.