As Pontes, 11 de outubro| A concelleira de Hostalería, Comercio e Emprego, Ana Pena ven de anunciar a participación de 24 establecementos comerciais ponteses na que será unha nova edición do Mercado de Oportunidades Vila das Pontes (MOVA), coa que o Concello das Pontes pretende dinamizar o sector do comecio de proximidade.

Tal e como apuntou a edil con gran satisfacción, trátase dunha cifra record nos dez anos de historia desta convocatoria e que regresará á Avenida da Coruña os días 28 e 29 de outubro, coincidindo coa XXVIII Feira de Fungos e Cogumelos.

Segundo explicou a concelleira, ante a boa acollida deste X MOVA incrementarase o espazo para os diferentes stands coa instalación dunha carpa de 100 metros cadrados nos que se ubicarán tendas de roupa, calzado, deportes, servizos, agasallos, complementos ou beleza e, como novidade tamén este ano, florarías. De feito, cinco dos establecementos participantes estréanse nesta cita co comercio de proximidade e que, “ é unha oportunidade magnífica para respaldar a economía local, neste caso o pequeno comercio, un sector de gran importancia e que mantén centos de empregos no municipio”.

Ademáis de mercar fabulosos artigos a moi bo prezo, o MOVA tamén é, ano tras ano, unha gran oportunidade para que os comercios locais incrementen as súas vendas e fidelicen nova clientela.

O aumento de locais participantes, con respecto a anos anteriores, é outro dos atractivos para os clientes que, segundo explicou a edil, contarán cunha maior oferta de produtos, ao que se sumarán os tradicionais sorteos de cheques agasallo tanto na tarde do sábado coma do domingo.

Xunto coa celebración da IX Feira do Queixo e do Mel, o certame gastronómico Saborea As Pontes ou a XXVIII Feira de Fungos e Cogumelos, o MOVA pechará, en verbas da concelleira, “un dos meses de maior impulso e promoción dos dous sectores con máis incidencia na socioeconomía local: a hostalería e o comercio” e que “contan co respaldo absoluto da administración municipal”.

Horarios e sorteos

O X Mercado de Oportunidades Vila das Pontes abrirá as súas portas os días 28 e 29 de outubro, na avenida da Coruña, en horario ininterrompido de 10.00 a 19.00 horas.

Os sorteos celebraranse ás 18.00 horas, tanto o sábado coma o domingo, e nos mesmos repartiranse seis cheques por valor de 100 euros, a gastar nas propias tendas do MOVA.

A programación da fin de semana tamén incluirá música co grupo de percusión Batería do Cariño.

A organización correrá a cargo da Concellería de Comercio, mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica, e a asociación de empresarios, comerciantes e hostaleiros COHEMPO.