As Pontes, 7 de novembro| O alumando-traballador do “Obradoiro Eume”, obradoiro de emprego que puxo en marcha o Concello de As Pontes o pasado mes de setembro, tivo o pasado venres a visita de Erika Sanz, a axente de emprego e desenvolvemento local do IPPEC, do Concello de As Pontes.
Na primeira parte da sesión Erika centrouse en suliñar a importancia da viabilidade no estudio do plan de empresa, non só a viabilidade financeira ou económica, senón tamén a viabilidade social e técnica que precisa un proxecto para a súa posta en funcionamento ou constitución e chegar así a materializarse.
Asemade facilitou información sobre os distintos recursos e axudas dos que unha persoa emprendedora pode facer uso, tanto a nivel local, comarcal, provincial ou autonómico.
Nunha segunda parte, incorporáronse á xornada diferentes emprendedores e emprendedoras locais, que centraron a súa exposición na súa experiencia propia.
Contouse coa participación en primeiro lugar de Jose Vilaboy, un coñecido emprendedor que leva máis de 10 anos na “ cría de ratos” coa empresa Xaraleira. Jose trasladou ao alumnado a importancia de todo o que non se vé nunha empresa, o que el denominou como un iceberg no que só se ve a punta “o éxito” e non se ven as noites sen durmir, os riscos, a perseveranza, os fallos que te levan a mellorar e toda unha serie de aspectos que sempre van ocultos e son necesarios para sacar adiante o proxecto.
En segundo lugar, Cynthia Arias falou sobre a importancia de “ser feliz levando a cabo o teu proxecto”, esta xove ven de poñer en marcha Aleira, horta de produtos ecolóxicos, que vende a nivel local no mercado pontés os sábados a súa produción de hortalizas de produción totalmente ecolóxica. Cynthia fixo visible a importancia de desfrutar co traballo e mostrou como sendo prudente tamén se pode chegar a sacar adiante unha idea.
Nunha terceira intervención contouse coa presenza de Antía García, que xunto coa súa irmá Noa, puxeron en marcha recentemente a Hípica Prado Ventura.
Antía transmitiu todo o seu entusiasmo nun proxecto no que, como pasa moitas veces, as persoas ao seu carón non crían, pero xunto a Noa foi quen de conseguir todo o apoio necesario por parte do seu círculo máis cercano para poñer en marcha un Centro Hípico e de Desenvolvemento Persoal.
Tanto Jose, como Cynthia e Antía, puxeron enriba da mesa os aspectos máis positivos de ser persoas emprendedoras, destacando a felicidade de estar a facer o que lles gusta e converter o seu traballo no seu proxecto de vida. Tampouco esqueceron amosar os aspectos menos amables desta “aventura”, como a de ter que petar en moitas portas antes de que algunha se abra.
Esta xornada enmarcase dentro do módulo formativo de creación de empresas do Obradoiro, módulo que busca facilitar unha base de coñecemento de cara a poder lanzar novos proxectos empresariais entre as persoas participantes.
O Obradoiro Eume é un programa mixto de emprego e formación subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 167.975,40 euros, achegando o Concello das Pontes outros 40.000 euros para o seu desenvolvemento. O alumnado-traballador do Obradoiro está a recibir formación e experiencia laboral en atención sociosanitaria a persoas no domicilio durante os 9 meses que dura o proxecto.