As Pontes, 27 de xuño de 2023. Uxía e Celina da Piedade, en concerto nas Pontes
Terá lugar o vindeiro xoves 29 ás 21:00h na Ponte do Chamoselo.


A cantante galega Uxía xúntase este xoves 29 nas Pontes coa acordeonista, cantora e
compositora portuguesa Celina da Piedade nun concerto moi especial, dentro do marco do
proxecto “De Ponte a Ponte”.

Tras case dous meses levando espectáculos polas parroquias dos concellos, de Ponte a
Ponte chega ao centro urbano da vila co concerto de Uxía e Celina da Piedade. O
espectáculo terá lugar na Ponte do Chamoselo ás 21:00h. 

Uxía é considerada unha das maiores embaixadoras da música e a poesía galegas. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística, Uxía renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Pola súa banda, Celina da Piedade é acordeonista, cantora, e compositor e é considerada unha das personalidades esenciais á hora de achegar a tradición portuguesa ás músicas do mundo.


Xuntas, darán un concerto moi especial no marco do proxecto “De ponte a ponte”, unha
iniciativa que nace porque cre na cultura como unha ferramenta de transformación social.
De ponte a ponte, ademais de poñer no centro a programación artística de calidade, fai
tamén unha aposta porque as actividades teñan un destacado contido en valores como o
feminismo, a ecoloxía, a xustiza social, a promoción da lingua galega e a cooperación
internacional.


Esta fin de semana tamén estará a compañía teatral La Banda co seu espectáculo Kimera.
Será o sábado 1 ás 19:00h na Praza da Lembranza. Kimera é un espectáculo circense que
nos plantexa unha mirada á sociedade actual, mostrándonos a fraxilidade desas pequenas
cousas que fan grandes ás persoas. Unha montaxe cunha grande estrutura de acrobacias
aéreas única e sorprendente.


A programación espallarase ata o 29 de xullo, e por ela tamén pasarán outras artistas como Sheila Patricia, Monoulious DOP, Catuxa Salom, Cía Vaya ou Jorge da Rocha.