As Pontes, 9 de outubro de 2018. Unha vintena de establecementos comerciais participarán na XI edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes,que se instalará ós días 27 e 28 de outubro, na Avenida de Coruña, coincidindo coa celebración da XXIV Feira de Fungos e Cogumelos.

A través desta iniciativa, organizada pola Concellería de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego e o Ippec, coa colaboración da Asociación de empresarios, comerciantes e hostaleiros COHEMPO, o goberno local quere contribuír á dinamización do sector e á promoción das compras no comercio de proximidadade para aumentar a competitividade dun sector fundamental na economía local, xerador de máis de 100 postos de traballo.

Ana Pena, responsable da área sinala que “O MOVA é unha excelente oportunidade tanto para os establecementos poidan incrementar as súas vendas e fidelizar a nova clientela como para que veciños e visitantes descubran outras vías de compra, novos establecementos e a atractivas ofertas comerciais, achegando as tendas á cidadanía e así, entre todos, incentivar o comercio de As Pontes”.

O mercado estará aberto, o sábado e o domingo, de forma ininterrompida, desde ás 10:00 ás 19:00 horas e haberá, entre outros, postos de roupa infantil, moda de muller, deportes, agasallos, calzado, complementos, papelería, perfumería, saúde e produtos agrocomerciais que ofrecerán descontos e promocións especiais nos seus produtos.

Entre todos os compradores, o sábado e o domingo, ás 18:00 horas, realizarase un sorteo de seis vales, tres cada día, por valor de 100 euros, para gastar nos establecementos que participan nesta nova edición do MOVA.

Ana Pena quixo remarcar que “o éxito e continuidade desta iniciativa débese a implicación por parte de comerciantes e desde o Concello agradecémoslles o seu o esforzo e o sue compromiso, amosando, unha vez máis, o seu bo facer, a súa profesionalidade e aposta polo futuro da nosa vila”.

Asemade, a Concelleira invita á cidadanía a achegarse ata o Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes e gozar dunha xornada de comprar diferente da man do comercio local.