]As Pontes, 8 de febreiro| Comezamos un novo ano de visitas ao proxecto de Turismo Industrial promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC) coa visita que tivo lugar esta semana. Esta foi a terceira visita promovida pola Fundación Paideia-Galiza e a Asociación de Desenvolvemento Local DELOA. Nesta caso, foron visitantes das comarcas de Betanzos, Coruña, Costa da Morte, Ferrolterra e Barbanza, moitos dos cales visitaban por primeira vez As Pontes.

A primeira parada do traxecto foi no Centro de Dinamización Empresarial SEARA sito no Polígono de Penapurreira, onde coñeceron a Asociación de Empresarios SEARA, unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 2002 que ademais de ofrecer asesoramento tanto aos seus 60 asociados como ás empresas instaladas no seu centro de iniciativas empresariais, tamén impulsa accións para traballar os valores asociados á cultura emprendedora nos centros educativos. No propio centro de SEARA, os visitantes puideron coñecer as empresas Blindaxe Sport, adicada á creación de protección deportiva de alta calidade, e Intacta Xestión Ambiental. Ambas empresas, aínda que de actividades diferentes, teñen como valores clave a innovación e o emprendemento.

Posteriormente, os visitantes desprazáronse ata as instalacións da empresa Xaraleira, unha empresa agrogandeira, nada no ano 2003 en As Pontes, que é hoxe o maior criadeiro de micromamíferos de España. A súa actividade é totalmente innovadora, o que supuxo que fose galardoada en diversas ocasións con premios á innovación e emprendemento e os animas que crían chegan ao Parque Natural de Cabárceno, ao Zoo de Madrid e tamén a Faunia. Do mesmo xeito, a empresa exporta a Reino Unido, Francia, Portugal ou Xapón.

Despois da visita a esta empresa, que forma parte do proxecto municipal “As Pontes, Experiencia Industrial”, o percorrido continuou polos principais recursos de patrimonio histórico-industrial, como o Poboado das Veigas ou o sempre sorprendente para os turistas: o lago artificial que ocupa hoxe o espazo da vella mina. Todo un exemplo a nivel nacional e internacional de restauración ambiental.

Tralas visitas da mañá e como remate da actividade, tanto os alumnos coma o persoal docente desfrutaron dun xantar no Mesón O Martínez.

A Fundación Paideia-Galiza e a Asociación DELOA, pretendían con esta visita mostrar exemplos de territorios, persoas e proxectos emprendedores, co fin de motivar e presentar exemplos de superación no ámbito laboral ao alumnado dos talleres socio-ocupacionais que dirixen nos seus ámbitos de actuación.

As responsables docentes de Paideia e DELOA que acompañaron o grupo, mostraron a súa gran satisfacción tanto pola hospitalidade recibida, como polo reforzo positivo que supón para xente nova desempregada que participa nas súas actividades escoitar e ver proxectos de persoas normais que, con espírito emprendedor e con capacidade de esforzo para responder ós problemas que xorden no seu día a día, lograron os atrancos dos mercados laboral e comercial.

Nos vindeiras semanas, As Pontes recibirá a visita de estudantes interesados en coñecer o patrimonio industrial e empresarial da vila, como é o caso de preto dun centenar de mozos e mozas de diferentes ciclos de formación profesional do CIFP Calvo Sotelo que acudirán o vindeiro 2 de Marzo.

+INFO:

As Pontes, Experiencia Industrial www.experienciaindustrial.es

Seara www.asociacionseara.com

Xaraleira www.xaraleira.com