As Pontes, 13 de novembro de 2021. A Concelleira de Emprego e Industria, Ana Pena, mantivo este venres unha xuntanza, no polígono de Penapurreira,  coas directivas das asociacións Seara e COHEMPO, no que se deron a coñecer os principais resultados do estudo das necesidades e expectativas do tecido empresarial local.

“A realización deste estudo permite ao Concello das Pontes ter un maior coñecemento das demandas e expectativas dos empresarios e empresarias pontesas podendo, deste xeito, poñer en marcha políticas e accións que reforcen o tecido empresarial e a súa competitividade” subliñou Ana Pena.
A concelleira tamén salientou que “neste estudo participou o 90% das actividades empresariais e profesionais que contan con centros de traballo nas Pontes, das que un 96% ten a expectativa de manter ou aumentar o emprego durante o próximo ano. Datos moi motivadores que xunto cos datos de exportación da industria e a diversificación do sector servizos, dan mostra do espírito emprendedor e o músculo do noso tecido empresarial”.
En torno a un 45% das empresas afirman que a súa situación é peor que a que presentaban con anterioridade á pandemia. Non obstante, pese a ese impacto negativo, moitas das empresas consideran que a súa situación segue sendo positiva; pois máis da metade das mesmas afirman ter unha situación boa ou moi boa.
Ademais, as expectativas de futuro son aínda mellores, pois en torno á metade das empresas prevén que a súa situación nos próximos 12 meses será máis ou menos igual que a actual, e, de maior relevancia, un 30% das mesmas  consideran que mellorará a súa situación. Así mesmo, 74 empresas prevén un aumento do número de persoas empregadas, mentres que menos dun 4 por cen creen que reducirán persoal nos próximos 12 meses.
O estudo tamén afonda nas preocupacións e necesidades das empresas pontesas. Destaca a preocupación por cuestións relacionadas co aumento dos custes da produción, pero tamén o medio ambiente, a modernización e a responsabilidade social corporativa.
De xeito simultáneo á realización do estudo, elaborouse un censo de actividades empresariais e profesionais. Nel pode destacarse que un 78% das actividades empresariais e profesionais correspóndense co sector servizos; o 11% coa construción; 7%, industria, e 5%, o sector agrario.
En comparación con Galicia, tanto o sector servizos como a industria é maior na localidade; e pola contra o sector da construción e o agrario teñen menos peso relativo que na Comunidade Autónoma.
En canto ao sector servizos, está composto por máis de 30 ramas de actividade, sendo as maioritarias o comercio; a hostalería; as actividades profesionais, científicas e técnicas; o transporte; as perruquerías; a reparación de vehículos de motor; servizos sanitarios; educación, e servizos de arquitectura e enxeñería.
Con respecto a emprego por sectores, o estudio mostra que a industria xera máis do 30% dos postos de traballo, moi por riba do resto de Galicia, que se sitúa no 16%.