Concello, IPPEC e tecido hostaleiro e comercial aunarán esforzos nunha xornada dirixida a dar a coñecer os servizos e artigos que ofrecen comercios e bares do municipio pontés

As Pontes, 20 de Abril de 2016.- As Pontes volverá vestirse de moda, o vindeiro 7 de maio, coa que vai ser unha nova edición do Móvete por As Pontes.

A iniciativa, impulsada polo Concello de As Pontes mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), superará nesta terceira edición o número de participantes de convocatorias anteriores con 61 comercios de todos os ámbitos e locais hostaleiros do municipio que decidiron participar nesta xornada adicada á moda, os descontos e os servizos locais.

O Concello de As Pontes volvía apostar por este iniciativa de promoción dun elemento vertebrador da economía local e dende o IPPEC traballouse cordenadamente cos sectores comercial e hostaleiro de As Pontes para ultimar a cita.

Así, a xornada do  7 de maio arrincará ás 19.00 horas, diante da Casa Consistorial (Xardíns Campo da Feira), cun desfile protagonizado polos establecementos implicados e que aglutinan sectores coma o deporte, a moda de todo tipo e estilos, o sector do calzado, a perruquería, a decoración, a florería ou a hostalería.

Por suposto, non vai faltar un photocall para plasmar un recordo gráfico do público que asista para continuar, dende as 21.30 horas, coa Fashion Night, unha xornada de portas abertas protagonizada por todos os establecementos participantes e que, ata a madrugada, ofertarán descontos aos seus visitantes e clientes, ademáis de actividades de lecer con música, degustacións gastronómicas e de cócteles e diferentes iniciativas dirixidas a facer desta noite unha madrugada distinta na que dar a coñecer todos eses produtos, artigos e servizos que é posible atopar sen abandoar o municipio.

Segundo apuntou a concelleira de Hostalería e Comercio, Ana Pena, o 7 de maio “fará deAs Pontes un escaparate ao aire libre das últimas tendencias e propostas comerciais e hostaleiras do municipio. Unha gran oportunidade para amosar todo o que pode ofrecer o comercio de proximidade e a hostalería local.” Asemade, a edil amosou a súa satisfacción por superar as cifras de participación da edición de 2015, na que 52 establecementos tomaron parte nesta festa da moda e dos servizos locais.

De feito, a edil subliñou o que supón esta iniciativa para os propios veciños e visitantes que se poderán beneficiar de diferentes descontos que cada tenda aplicará libremente, e que van oscilar entre o 20 e ata o 50 %, ao tempo que se divirten na noite de sábado con música, petiscos, bebidas e actuacións do máis diversas. Un beneficio tamén para o tecido hostaleiro e comercial que, deste xeito, poden incrementar a súa carteira de clientes habituais.

Finalmente, Ana Pena convidou a veciños e visitantes a achegarse o 7 de maio ata os Xardíns do Campo da Feira para desfrutar das diferentes propostas a nivel de moda que se subirán ao escenario do Móvete por As Pontes e, por suposto, animou a ponteses e foráneos a sumarse ás múltiples iniciativas que, ata máis aló da madrugada, ateigarán as rúas do centro urbano.