N.E.V.E.R.M.OR.E., o espectáculo da compañía teatral Chévere sobre a catástrofe do Prestige, ofrece este venres 17 de novembro ás 20.30 h. no teatro Alovi de As Pontes a súa derradeira función logo de máis de dous anos de xira e perto de 29.000 espectadores.

N.E.V.E.R.M.O.R.E. estreouse no Teatro María Guerrero, sede do Centro Dramático Nacional, en setembro de 2021. Ese sería o comezo dunha xira que levaría o espectáculo a 11 comunidades autónomas e 44 teatros diferentes, entre os que se contan o Teatre Lliure/Sala Fabià Puigserver (Barcelona) LAVA Valladolid, Auditorio Centro Niemeyer (Avilés), Teatro Central (Sevilla), Teatro Victoria Eugenia (Donostia), Teatro Principal (Vitoria-Gasteiz), Teatro Gayarre (Pamplona/Iruña) o Teatre Principal (Palma).

A media de ocupación das salas durante este periódo foi do 68%, aínda que en Galicia achegouse ao cheo total, cun 90% de localidades vendidas.

Sobre N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Empezamos a idear este traballo en marzo de 2020. Cando a chegada dun virus demostrou que todo pode mudar. Que o mundo pode parar. Aí decatámonos do rápido que o esquecéramos. Un ano despois comprobamos o enorme esforzo que se está facendo para que todo volva ser coma antes. E o fácil que é deixarse convencer outra vez. Así que decidimos contar unha historia para non esquecer tan facilmente que as cousas poden ser doutro xeito. Chamámola N.E.V.E.R.M.O.R.E.

N.E.V.E.R.M.O.R.E. é a resposta indescifrable que o corvo do poema de Poe dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería. N.E.V.E.R.M.O.R.E. podería ser un S.O.S. emitido á desesperada no código internacional de sinais marítimos. Ou o acrónimo dunha gran corporación que sabe que hai sitios con xente que se poden sacrificar para que todo siga funcionando como ata agora. Ou simplemente un aviso do que estaba por vir.

Para nós N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que non pasaba nada, que todo seguían sendo coma antes. Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese. Coma se no fose posible encontrar un rinoceronte gris dentro dunha caixa negra.

A COMPAÑÍA

Chévere é unha compañía de axitación teatral con 36 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta de creación propia tan irreverente como xenuína. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro, polo seu compromiso social e cultural e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade.

Desde 1987 Chévere actuou en centos de aldeas, vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais: na rúa, en barcos, aeroportos, carpas de circo, escaparates, ríos, portos, radios, bares, aulas… Usando o humor como filosofía, a risa como expresión e o pensamento crítico como ferramenta, as súas obras confrontan no palco os debates do presente coa memoria dun pasado recente que nos afecta, documentándoo escénicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi foron traballos como N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021), As Fillas Bravas e o Mito de Casandra (2020), Curva España (2019), Eroski Paraíso (2016), As Fillas Bravas de Momán (2014), Ultranoite no País dos Ananos (2014), Eurozone (2013), a triloxía Citizen (2010-2011) ou Testosterona (2009).