As Pontes, 7 de xullo de 2022.  O alcalde das Pontes, Valentín Gónzalez Formoso, durante a presentación do proxecto de biomateriais que proxecta Ence nas Pontes, ao tecido empresarial e representantes sindicais da vila e no que tamén estivo presente o presidente de da compañía, Ignacio Colmenares e o conselleiro de Industria, Francisco Conde, destacou que “este proxecto pon en valor o emprazamento industrial das Pontes. Unha vila que ten vocación forestal desde fai décadas e que sempre tivo ansias por ser un centro transformador da madeira que producimos nos nosos montes, non só nos da nosa localidade senón dos montes que van desde a comarca de Ferrolterra ata a comarca da Mariña”

González Formoso tamén remarcou a importancia deste encontro, en momentos de incerteza para a vila, e de falar en positivo dun proxecto que converterá a As Pontes nun polo de bioeconomía, con capacidade de atracción de novos proxectos industriais.  Así mesmo, o rexedor local agradeceu o traballo e compromiso da empresa para que este proxecto se faga realidade, ofrecendo a colaboración do goberno local para facelo posible e, así, recuperar e consolidar a vocación industrial da vila.

Ignacio Colmenares explicou que a elección das Pontes “débese ao compromiso que a empresa ten con Galicia, co medio ambiente e coa súa clientela. Un proxecto que a clientela demanda, que demanda fibra mixta, acorde coas novas tendencias sociais de reutilización de produtos. Imos a darllo e o mellor sitio é As Pontes. Temos moita ilusión e esperamos que esta primeira planta, de tisú, elaborado con fibras recuperadas e fibras virxes, estea moi pronto funcionando”

Pola súa banda o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou o efecto tractor do proxecto que Ence estuda poñer en marcha nas Pontes (A Coruña) porque a previsión da empresa é que un cento de pemes e autónomos se poidan beneficiar da posta en marcha da futura planta ao traballar de forma directa na cadea de valor.

 

Proxecto de Ence para As Pontes

O proxecto que prevé poñer en marcha en As Pontes é un proxecto complementario á súa biofábrica de Pontevedra. Trátase dunha bioplanta para a recuperación, desenvolvemento e produción de novos biomateriales, coa que a empresa entra no sector da recuperación de papel, dentro da súa aposta estratéxica pola bioeconomía circular.

Esta bioplanta non é unha planta de celulosa, senón que producirá fibras naturais recicladas, cun consumo de recursos naturais (auga, subproductos agroforestais, etc.), Trátase dun centro de traballo independente, cunha actividade autónoma e diferenciada.

O proceso, desde o seu lanzamento (incluíndo a enxeñería e a obtención de todos os permisos) durará entre tres e cinco anos, ata a súa posta en marcha. Suporá un investimento conxunto de preto de 355 M€ e a creación duns 1.190 postos de traballo (150 directos, 400 indirectos e 636 inducidos).

As fibras naturais que fabricará esta bioplanta serán obtidas nun 80% de papel e cartón recuperado, nun proceso plenamente respectuoso co medio ambiente, no que se branqueará cun innovador proceso ecoeficiente e libre de cloro. O 80% da planta estará focalizado, así, na produción de pasta reciclada branqueada. O 20% restante vaise dedicar á produción de papel para produtos hixiénicos e rolos de papel recuperado.

O proceso será plenamente sostible de principio a fin, baseado na reutilización e minimización do uso de recursos naturais. Así, a auga que utilizará a bioplanta poderá ser reutilizada. A utilización das mellores tecnoloxías dispoñibles asegurará, ademais, que a pequena cantidade de auga que se devolva á natureza teña a máxima calidade ambiental, máis pura que cando foi captada.

Na propia planta xerarase toda a enerxía renovable térmica e eléctrica que require o proceso, partindo de subproductos agroforestais certificados de forma pioneira baixo o esquema europeo SURE para a biomasa e acordes ao decálogo para a sustentabilidade da biomasa como combustible, deste  xeito, a bioplanta será autosuficiente energéticamente.