As Pontes, 6 de maio de 2022. O pavillón polideportivo de Monte Caxado retomará a partir do luns a súa actividade habitual tras a finalización dos últimos traballos de acondicionamento do interior da instalación deportiva consistentes no pintado de paredes e da pista, a sustitución das carpinterías así como o acondicionamento das gradas e acceso ás mesmas.

Desde o departamento de Deportes, Chicho Tembrás, recordou que “esta era unha obra moi necesaria, demandada por todo a veciñanza , que dará servizo en óptimas condicións no só ao CEIP da Magdalena senón tamén a diversos clubs e actividades deportivas como patinaxe, fútbol sala ou baloncesto”

Este traballos súmanse ao proxecto de rehabilitación da infraestructura, valorado en 228.796,59 euros financiado, conxuntamente pola Deputación da Coruña e o Concello, que permitiu a renovación do tellado para mellorar a saúde e as condicións de illamento térmico de toda a edificación, procedéndose a eliminación do material de revestimento de fibra de cemento e o falso teito para substituílo por un panel sándwich, incorporando dous aireadores na dorsal da cuberta para mellorar a renovación do aire interior.

Ademais rehabilitouse gran parte da fachada para mellorar tamén as condicións de illamento térmico e sanitario do pavillón polideportivo así como a súa iluminación natural para o que se instalou un illamento interior coas mesmas características do tellado e, así mesmo, as follas de poliéster da fachada tamén se substituíron por outras de policarbonato compacto con tratamento de protección contra os raios UVA.

O proxecto incluíu a renovación do pavimento na pista, adaptado ás demandas das diferentes disciplinas deportivas que se practican nesta instalación. Deste xeito, dispúxose un pavimento deportivo de zona elástica para uso multiusos de interiores e de alta competición, axeitado para a práctica de fútbol sala, baloncesto e deportes sobre rodas como o patinaxe e o hockei sobre patíns.

Substituíuse así mesmo, a iluminación actual da zona deportiva, trocando as lámpadas existentes por tecnoloxía LED para reducir o consumo de electricidade e mellorar a eficiencia enerxética e luz deste edificio.