As Pontes, 1 de abril de 2021. O lago das Pontes acollerá este fin de semana a Copa de España Vaurien 2021, unha proba organizada polo Club de Vela Fluvial As Pontes e a Real Federación Española de Vela, en colaboración con Concello das Pontes e a Real Federación Galega de Vela.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, agradece tanto ao Club de Vela Fluvial As Pontes como á Real Federación Galega de Vela e á Real Federación Española de Vela “a súa aposta polo lago das Pontes para acoller, de novo, unha proba na que se darán cita @s mellores regatistas de toda a xeografía española e que permite poñer en valor ao lago artificial máis grande de Europa, converténdoo nun novo espazo de referencia para esta práctica deportiva”.
A proba, na que participarán preto de 60 regatistas procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, Pais Vasco, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e Illas Canarias. Entre os/as regatistas destacados estarán navegando no lago das Pontes os actuais campións de España e campións da última Copa de España disputada, Francesco Zampacavallo e Carlos Francés (RCN Valencia), os actuais campións galegos, Pablo Cabelo e David Fernández (RCN Vigo), e Alain Arri e Alexander Diaz (CN Hondarribia), gañadores da Copa de España 2018 tamén disputada no lago das Pontes, e as tres irmás González Esteban (RCN Vigo) dominadoras durante os últimos anos das categorías feminina e xuvenil.
O Club de Vela Fluvial As Pontes competirá con 5 barcos, 2 en categoría absoluta, con Roi García e Noemí Casal e con Nano de Andrés e Carlos Lefler. Tamén competirá con 3 barcos en categoría xuvenil coas regatistas Marta Torres e Ana Lefler, con Javi Martínez e Nano Torres e, finalmente, con Marta Torres e Teresa Cabelo.
A regata disputarase entre os días 1 e 4 de abril con seguintes horarios e actividades. O día 1 de abril procederase á medición de aparellos, velas e barcos, o día 2 de abril, a partir das 15:00 horas, comezará a competición coa disputa dun máximo de 3 mangas, o 3 de abril, a partir das 12:00 horas, retomarase a competición coa disputa dun máximo de 4 mangas e xa o domingo, 4 de abril, a partir das 12:00, iniciarase ultimo día de competición que culminará ás 17:00 horas coa entrega de trofeos.
A disputa da regata está totalmente rexida polo protocolo xeral de prevención Covid-19 da Real Federación Española de Vela, así como o desenvolvemento do mesmo para esta regata, realizado polo Club organizador e aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.