As Pontes, 30 de xaneiro de 2023.  Un grupo sueco anunciou un novo proxecto de enerxías renovables no concello das Pontes, para poñer en marcha unha planta de fabricación de amoníaco verdeUniversal Kraft deseñou unha proposta que require un investimento de 240 millóns de euros e que podería xerar uns 210 postos de traballo.

O grupo sueco anuncia a creación desta planta de amoníaco verde dirixido á propulsión de buques, que se verán obrigados, de acordo coa normativa europea, a empregar combustibles producidos a partir de fontes de enerxía renovable nos próximos anos.

O proxecto inclúe unha factoría con capacidade para producir 98.000 toneladas cun investimento previsto de 240 millóns de euros que se suma a outros proxectos industriais, como o do hidróxeno verde, xa programados para este concello.

Así o valoraba o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso. “Estamos a falar de 1.500 millóns de euros de investimento na nosa vila, onde estamos a colaborar todas as Administracións, como exemplo de como se tira dun país. Aquí teño que falar moi ben da colaboración co Estado, coa Xunta e cos concellos da contorna. Para nós é unha esperanza que, en calquera caso, queda moito por concretar, porque son proxectos moi complexos no administrativo”.

Formoso insistiu en que estes proxectos están suxeitos a factores externos como a situación xeopolítica mundial, polo que hai que ser cautelosos, pero o anuncio de 210 empregos directos e indirectos é unha boa nova nestes momentos.

“Nós estamos abertos a ser un grande emprazamento industrial de Galicia. Eu creo que Galicia o necesita claramente, dadas as cifras de perda de emprego industrial, con 8.000 empregos industriais menos desde 2009 e este ano 2022 é o sector que máis perda laboral ten”.   O alcalde estimou que todos estes proxectos supoñen un valor engadido para o territorio.

Vía: G24