As Pontes, 22 de xuño de 2022. O GreenCoworking das Pontes acolleu esta mañá unha xornada de networking na que unha representación das empresas que integran esta iniciativa da Rede Provincial de Coworking, impulsada desde a Deputación da Coruña, presentaron os seus proxecto e participantes.

Durante esta xornada, que contou coa participación da concelleira de Industria, Ana Pena, a edil resaltou a importancia destes eventos nos que “as empresas participantes teñen a oportunidade de compartir experiencias e dar a coñecer os seus negocios. Un tipo de evento deseñado para crear sinerxías e favorecer o tecido empresarial, nesta caso, centrado no sector das enerxías renovables e o hidróxeno verde que será o que nos distinga como territorio de oportunidades”

No encontro participaron representantes de Huso 29, Grepcom, Roxu, Metalúrgica BB, Seawind, Viratec, Cluergal, Prolavi, ASIME e Secot, empresas que xa traballan ou están comenzado a traballar en enxeñería electrónica, reparación e mantemento eólico, formación especializada no sector eólico, instalación de placas de solares, mantemento industrial especializado en enerxía eólica e na produción de pezas eólicas.

O GreenCoworking nace co obxectivo de potenciar a creación de proxectos empresariais relacionados con este sector de actividade nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, así como propiciar a aparición sinerxías e colaboracións entre as empresas do sector, que poidan achegar contido de valor aos proxectos que se desenvolverán nestas comarcas.

Este novo espazo, situado no propio Centro de Empresas de Seara, conta con 196 metros cadrados para desenvolver 16 proxectos empresariais nunha zona totalmente diáfana. Conta cun locutorio, cunha sala de videoconferencias e cunha zona de descanso.

As persoas usuarias ademais de ter á súa disposición todos os espazos dos que dispón o propio Centro de Empresas como salas de formación, sala de reprografía, salón actos, etc. poderán beneficiarse dun servizo de asesoramento e consultoría en materia de axudas públicas, especialmente axudas europeas; dun servizo de asesoramento xurídico a través dun bufete de avogados con dilatada experiencia; de todos os eventos networking que nel se organicen e da formación e intercambio de coñecementos sobre temas relacionados coas enerxías renovables e o hidróxeno que nel se celebren.