As Pontes, 25 de outubro de 2022. O Concello das Pontes comezará o día 31 de outubro o traslado provisional da Biblioteca Municipal Rivera Rouco á primeira e segunda planta do Mercado Municipal por mor do inicio das obras de reurbanización da Praza da América.

O día 31 de outubro a Biblioteca Municipal pechará as súas portas para rematar as tarefas de embalaxe dos fondos bibliográficos así como do mobiliario procedendo ao seu traslado á sede temporal, localizada no primeiro andar do Mercado Municipal, entre os días 4 e 6 de novembro.

A apertura ao público está prevista para mediados de novembro aínda que condicionada ao remate dos traballos de acondicionamento e iluminación do espazo.

Durante o proceso de traslado da Biblioteca Municipal Rivera Rouco, o servizo de préstamo de libros prolongará o prazo de devolución de exemplares ata o día da apertura da Biblioteca, quedando sen efectividade as posibles sancións por entregar os libros e outros materias bibliográficos e audiovisuais fóra de prazo.

Por outra banda, en relación a todas as actividades que se viñan desenvolvendo desde Biblioteca, mantense o horario e localización das propostas do Xoves na Biblio que seguirán a desenvolverse na Casa Dopeso, ás 18:00 horas, dous xoves ao mes.

O Club de lectura reunirase, unha vez rematado o traslado, na nova sede da biblioteca, en horario de tarde mentres que o programa Relendo a Vida, cambiará de espazo para levar a cabo as súas actividades na Casa Dopeso.

Desde o Concello das Pontes pídense desculpas ás persoas usuarias da Biblioteca polos inconvenientes que o peche temporal, polo trasladado da Biblioteca a unha nova sede, puidera ocasionar.