As Pontes, 16 de agosto de 2022. O Concello das Pontes porá en marcha, a partir da segunda quincena do mes de setembro, un proxecto para a mellora do servizo de xestións dos residuos que se xeran nas vivendas do municipio.

Baixo o lema “As Pontes composta. A forma natural de reciclar”, o Concello das Pontes busca concienciar á poboación sobre importancia de xestionar os restos orgánicos para valorizar e obter un fertilizante natural de calidade.

Así o Concello ten previsto repartir 210 composteiros domésticos entre a veciñanza interesada, totalmente de balde, co obxectivo de xestionar os restos de comida xerados no noso fogar o convertelos en compost.

Desde o Concello das Pontes, Moncho Alonso, concelleiro de Medio Ambiente sinala que “os restos de comida e restos vexetais representan case a metade dos residuos que xeramos nos nosos fogares. Ademais, son o tipo de residuo que máis problemas medioambientais xera se non se trata axeitadamente. A compostaxe doméstica leva asociada numerosos beneficios. Reducimos o impacto ambiental, nos permite aproveitar localmente un recurso valioso e abundante: o compos, axundando a mellorar a xestión de residuos do municipio no seu conxunto”

O goberno local recomenda que se depositen os restos orgánicos xerados nos fogares nos composteiros domésticos e que só depositen no colector verde a fracción resto. Deste xeito axudaremos a mellorar a xestión de residuos do Concello no seu conxunto.

Nunha primeira instancia vanse priorizar os núcleos de Chamoselo, Cal de Avelaíña e A Cuiña para o reparto dos composteiros, quedando aberto o reparto de composterios ao público en xeral, tras or reparto nestas tres zonas.

A entrega do composteiro realizarase nas charlas informativas que se celebrarán na primeira quincena de setembro. O lugar, data e hora das charlas comunicarase mediante chamada telefónica a cada persoa que solicite o composteiro. A estas persoas faráselle tamén entrega dun manual de compostaxe e todas elas recibirán unha visita do persoal técnico encargado do proxecto co fin de analizar como evoluciona o proceso de compostaxe e resolver dúbidas.

As persoas interesadas en participar no programa de compostaxe doméstica poden solicitalo no teléfono 667 129 340 ou enviando un correo electrónico a [email protected] , indicando os seguintes datos: nome e apelidos, enderezo da vivenda onde se vai colocar o composteiro e un teléfono de contacto.

A compostaxe dos restos orgánicos

Algo máis da metade dos residuos que se xeran no fogar están compostos por restos de comida e restos vexetais de poda e de horta. Toda esta materia orgánica pode ser reciclada pola cidadanía sen saír de casa, cun mínimo esforzo e tempo, cos numerosos beneficios dende o punto de vista ambiental, social e económico que isto conleva.

Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Afórranse emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que se obten é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.

Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados (líquidos cunha alta concentración de materia orgánica) que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.

Os restos orgánicos que se poden empregar para elaborar o compost son os restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e papel de cociña sen tinturas.

Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.