As Pontes, 14 de decembro de 2021. O Concello das Pontes pon en marcha un novo reto da aplicación de escape room “As Pontes Misteriosa”, un xogo para dispositivos móbiles que ten como obxectivo dar a coñecer, entre a poboación máis nova, a historia do municipio.

Elena López, concelleira de Turismo, apunta que “tras o éxito do primeiro reto, ao que se sumaron máis dun centenar de mozos e mozas, lanzamos un novo enigma, con novas pistas e novas ubicacións co obxectivo de continuar difundido o noso patrimonio, a través dunha ferramenta na que se combinan as novas tecnoloxías, coa educación e co lecer, adaptada ás circunstacias da pandemia”.

As persoas que queiran participar neste segundo reto deberán achegarse ata a Biblioteca Municipal e solicitar un código para iniciar este xogo autoguiado no que hai marcadas novas localizacións chave da vila.

En cada unha destas localizacións, as persoas participantes atoparán un enigma relacionado coa historia, personaxes, patrimonio histórico ou natural do municipio. A solución dese enigma leva á persoa participante ao seguinte punto ao tempo que recibe pistas para resolver o misterio final. Con cada logro conseguido, o sistema acumula puntos que permite elaborar un ránking que engade un aliciente para todas aquelas persoas ás que lles gusta a competición.

O percorrido é libre e pódese escoller indistintamente a que punto dirixirse, polo que se evitan aglomeracións nun mesmo lugar. Cabe destacar, ademais, que se pode xogar en varios momentos ou mesmo en diferentes días, xa que non é obrigatorio xogar de forma continua posto que a aplicación garda o progreso.

Esta iniciativa, impulsada pola área de Turismo e desenvolvida por Dogoplay, está ideada para todos os públicos e a actividade desenvólvese tanto de maneira dixital, xa que se xoga mediante unha aplicación gratuíta e compatible con todos os dispositivos IOS e Android, como presencial, co percorrido polos puntos chave.