Hospital de San Xoán. Foto cedida por Cultureume

As Pontes, 12 de decembro de 2020.  O Concello das Pontes iniciou, o pasado mes de marzo, un estudo sobre o patrimonio histórico da vila que lle permitiu documentar o paso do Camiño de Santiago polo municipio.

Elena López,  responsable da área de Turismo, sinala que “este estudo era unha prioridade para o equipo de goberno, o noso obxectivo é recuperar os camiños históricos da vila e convertelos nun atractivo turístico, poñendo en valor o patrimonio histórico e cultura da nosa vila. Esta investigación demostra o paso dunha vía de peregrinación a Santiago polo termo municipal coa repercusión que estas conclusión poden ter nos fluxos turísticos e a posta en valor do territorio”

O traballo, levado a cabo pola empresa local Cultureume, permitiu constatar con claridade que a vila das Pontes foi un centro de peregrinos e nela existiu unha albergaría que recollía o tránsito de peregrinos que ían a Santiago de Compostela desde o norte de Galicia e ademais recibía a peregrinos do camiño francés procedentes de Mondoñedo e Viveiro.

Así, confirmouse que no libro de fábrica da parroquia de Santa María das Pontes existe unha referencia no ano 1716 á vila das Pontes como lugar de paso de moitos forasteiros que se atopan en “camiño santo” e tamén se puido documentar a existencia de dúas referencias  explícitas  ao camiño francés nunha descrición das propiedades diocesanas realizadas no ano 1617, con motivo da visita do bispo mindoniense Luís Tello de Olivares á vila.

Asemade, comprobouse que estas referencias  son compartidas por alusións dentro de outras parroquias da diocese de Mondoñedo Ferrol que apuntan claramente á existencia dun camiño denominado “Camiño Francés” no camiño real que une Mondoñedo con Ferrol e que pasa pola vila das Pontes de García Rodríguez.

Por outra banda confirmouse a existencia na vila, documentada desde o ano 1752, dun hospital de pobres, viandantes y peregrinos”, situado dentro das murallas da vila, composto por unha habitación, unha adega e unha capela e para o que se dispón de varias facendas aforadas para o seu mantemento.

Neste traballo tamén se puido documentar que na igrexa parroquial de Santa María das Pontes, nas proximidades do hospital de peregrinos de San Xoán Bautista, foron enterrados, conforme consta no libro de defuncións parroquial, diversos forasteiros e peregrinos, que proveñen de diferentes lugares da costa cantábrica. No referido libro consta que un 12 de decembro de 1750 foi soterrado un home que conforme o seu traxe e diversos atributos era un peregrino francés.

Camiños históricos

O traballo tamén permitiu documentar a importancia da Vila das Pontes como punto estratéxico de tránsito de persoas desde épocas temperás e o levantamento de diversas pontes para cruzar o río Eume e facilitar o paso por diversos camiños reais que percorrían o municipio e que fixeron, que desde o século XII a vila fose coñecida como Pontibus de Eume (As Pontes do Eume).

O traballo apunta que o más sobranceiro dos camiños que atravesa o municipio é o camiño dos Arrieiros, camiño que unía As Pontes co porto de Bares, e que percorre unha vía marcada por monumentos prehistóricos que dan mostra da súa antigüidade.

Asemade, o traballo documenta que polo concello das Pontes tamén pasaban outros camiños de longo percorrido que deberon estar en uso na antigüidade tales como o Camiño Real da Graña a Castela, o Camiño Real de Mondoñedo a Ferrol (o camiño referido en documentación antiga como “Camiño Francés”) e o Camiño Real de Betanzos a Viveiro.

Segundo o traballo elaborado polo Concello existiu tamén un camiño real que unía a Vila das Pontes coa Vila de Pontedeum, e que era paso para Ortigueira, Bares, Viveiro e Mondoñedo, e desde A Vila saía tamén un camiño que unía As Pontes con Betanzos a través do Val de Xestoso.

Fotografías cedidas por Cultureume