As Pontes,12 de novembro de 2018. Dúas semanas despois da celebración da XXIX Feira de Fungos e Cogomelos, unha das citas gastronómicas máis importantes do outono pontés, o Concello de As Pontes fai balance das iniciativas postas en marcha, durante o mes de outubro, co obxectivo de dinamizar dous dos sectores fundamentais da economía local: a hostalería e o comercio.

As actividades programadas polo goberno local para potenciar e promocionar a hostalería e o comercio local arrincaban, o 12 de outubro, coa X Edición do concurso de tapas Saborea As Pontes que, durante 10 días, repartiu un total de 29.450 tapas, cun beneficio económico aproximado, incluído as consumicións, de 103.075 euros.

A responsable da área de Hostalería, Ana Pena, sinala que “a décima edición de Saborea As Pontes foi un gran éxito, feito que quedou reflectido en todas as cifras do concurso. Tivemos unha cifra récord de establecementos participantes, serviuse o maior número de tapas da historia do concurso e tamén houbo un aumento de tarxetas de votación depositadas que este ano chegaron á cifra de 1.561, trescentas máis que na edición do ano 2017”.

A segunda gran cita gastronómica do mes de outubro, a X Feira do Queixo do Eume e o Mel de Goente tamén cultivou moi bos resultados, pese ó mal tempo. Durante unha única xornada, máis de 2.000 visitantes pasaron por este encontro no que participaron unha vintena de pequenos produtores e artesán e no que unhas 300 persoas gozaron do xantar popular e se venderon máis de 3.500 freixós.

Trátase dunha iniciativa coa que o goberno local quere exaltar dous dos produtos esenciais da gastronomía local pontesa e apoiar, de forma directa, a pequenos produtores e a un sector da economía local en auxe, con importantes oportunidades económicas para os municipios rurais e no que cada ano xorden novos proxectos empresariais.

Por outra banda, a cita micolóxica reuniu, durante a última fin de semana de outubro, a centos de veciños e visitantes que se achegaron á vila para gozar do programa de actividades deseñado polo goberno municipal e degustar os menús especiais ofrecidos polos establecementos de hostalería local, uns 800 segundo as cifras facilitadas polo sector, que colgaron o cartel de completo días antes da cita micolóxica.

A concelleira de Cultura, Sonia Sueiro, fai fincapé en que “a pesar das malas condicións climatolóxicas, a XXIX Feira de Fungos e Cogomelos superou as nosas expectativas. Máis de 500 persoas animáronse a probar o menú degustación da Feira, a un prezo de 12 euros, e a realizar pequenas compras, tanto nos postos de alimentación situados na Praza de Abastos e no Mercado de Produtos de Outono como na Feira de Artesanía e no Mercado de Oportunidades Vila das Pontes (MOVA), que contou coa participación de 20 establecementos comerciais do municipio que repartiron, durante a fin de semana, máis de 6.000 tickets agasallo entre todos os seus clientes”.

O goberno municipal amósase moi satisfeito cos resultados acadados e subliña que “resulta complicado calcular o impacto económico exacto pero tendo en conta, entre outros datos, o número de menús repartidos polos establecementos hostaleiros, os menús degustación vendidos na Feira de Fungos e Cogomelos, o volume de tapas que se serviron durante a décima edición de Saborea As Pontes, o número de asistentes á X Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente, xunto ás papeletas para os sorteos repartidas durante a celebración do MOVA, estimamos que os ingresos económicos xerados roldan os 150.000 euros”.

Neste sentido, Ana Pena, indica que: “Outubro é un dos meses de maior impulso e promoción de dous dos sectores con máis incidencia na socioeconomía local, feito ó que contribuíron, de maneira indiscutible, as diferentes iniciativas postas en marcha polo goberno municipal. O obxectivo de todas as actividades organizadas desde o Concello de As Pontes é contribuír ó crecemento económico de ambos sectores así como ó mantemento e xeración de postos de traballo. Cremos que o estamos logrando, dinamizando dous sectores fundamentais da nosa economía, principais canteiras para o emprendedurismo, que contan co respaldo absoluto da administración local ”.