As Pontes, 9 de xuño de 2026.– O Concello das Pontes incorpora unha educadora familiar ao departamento de Benestar Social, un reforzo que permitirá ampliar a atención ás familias e consolidar as accións de prevención e intervención socioeducativa que se desenvolven desde os servizos municipais.
A incorporación desta profesional responde á aposta do goberno local por fortalecer os recursos públicos de atención social e adaptar os servizos ás novas necesidades que presentan as familias, a infancia e a adolescencia. Esta contratación realízase ao abeiro do Programa de Inclusión Social para os anos 2025-2026, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
A educadora familiar traballará de forma coordinada co equipo técnico de Benestar Social, desenvolvendo intervencións socioeducativas dirixidas a menores, adolescentes e ás súas familias.
Entre as súas funcións figuran o acompañamento e seguimento de unidades familiares en situación de vulnerabilidade, a orientación e o apoio no exercicio das responsabilidades parentais, a promoción de hábitos saudables de convivencia e organización familiar, así como o reforzo das competencias educativas das nais, pais e persoas titoras.
Do mesmo xeito, participará na detección precoz de situacións de risco social, dificultades de integración, problemas de convivencia ou posibles situacións de desprotección infantil, colaborando na elaboración e execución de plans individualizados de intervención.
A súa labor incluirá tamén a mediación familiar, o apoio aos procesos de autonomía persoal dos e das menores, a coordinación cos centros educativos, servizos sanitarios e entidades sociais, así como o desenvolvemento de actividades grupais e comunitarias orientadas á prevención, á inclusión social e ao fortalecemento dos vínculos familiares.
A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, destaca que “a incorporación desta figura profesional supón un importante avance para seguir mellorando a atención que prestamos á veciñanza e para ofrecer unha resposta máis próxima, especializada e eficaz ás familias que precisan apoio”.
Neste sentido, subliña que “o labor dunha educadora familiar resulta fundamental para traballar desde a prevención, acompañando ás familias nos seus procesos cotiáns, reforzando as súas capacidades e contribuíndo a crear contornas máis seguras e favorables para o desenvolvemento dos e das menores”.
Desde o departamento de Benestar Social sinalan que a intervención socioeducativa constitúe unha ferramenta clave para detectar situacións de risco de maneira temperá, favorecer a inclusión social e evitar que determinadas dificultades familiares se agraven co paso do tempo. Ademais, destacan que a presenza dunha educadora familiar permitirá intensificar o traballo de proximidade cos fogares, ofrecendo unha atención máis personalizada e adaptada á realidade de cada unidade familiar.
A nova profesional participará tamén no deseño e desenvolvemento de programas comunitarios orientados á promoción do benestar familiar, a educación en valores, a convivencia e a igualdade de oportunidades, reforzando así o traballo que o Concello vén desenvolvendo no ámbito social.


























