As Pontes, 24 de xullo de 2026. O lago das Pontes será o escenario, o vindeiro venres 31 de xullo, da primeira edición do Foro sobre Sostibilidade “Deporte&Empresa”, unha iniciativa vinculada ao torneo Beach Rugby Vila das Pontes que nace co obxectivo de crear un espazo de encontro e reflexión arredor da sostibilidade, a innovación social e as oportunidades de futuro para os territorios en transformación.

O foro, que dará comezo ás 11:00 horas na carpa do Beach Rugby, contará coa participación de empresas e entidades de referencia no territorio como Alvac, Intacta Gestión Ambiental, Reganosa, Ence e o Instituto para a Transición Xusta (ITJ), que compartirán as súas experiencias, proxectos e liñas de actuación en materia ambiental, social e económica.

A xornada está impulsada co apoio institucional do Concello das Pontes, a Deputación da Coruña, o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), no marco do programa Para unha Transición Ecolóxica, e SEARA Centro de Empresas, coa finalidade de favorecer o diálogo entre administración pública, tecido empresarial e comunidade local.

Baixo o lema “O éxito non está máis que na suma de pequenas cousas repetidas día a día”, o encontro pretende poñer en valor as iniciativas sostibles que se están desenvolvendo no municipio e analizar como a colaboración entre diferentes axentes pode contribuír á creación dun modelo de desenvolvemento máis equilibrado, inclusivo e resiliente.

Programa do foro

A apertura institucional correrá a cargo do subdelegado do Goberno en Galicia, Julio Abalde, que dará inicio a unha xornada na que a sostibilidade será abordada desde diferentes perspectivas.

Ás 11:20 horas, terá lugar a presentación do foro a cargo de Ángel Prieto Soto, experto en Sostibilidade e Innovación Social pola Universidade da Coruña (UDC), que será tamén o encargado de moderar posteriormente a mesa de debate.

De maneira paralela ao foro, ás 11:00 horas, desenvolverase unha ruta de educación ambiental aberta ao público para coñecer o patrimonio natural e cultural do lago das Pontes e a súa contorna. A actividade estará guiada por Jorge Gudez, educador ambiental do CEIDA.

A partir das 11:30 horas, comezarán as intervencións empresariais, nas que participarán:

  • Ignacio Lazcano, responsable de zona norte de Alvac SA Obras e Servizos.

  • Héctor Dopico, director de operacións de Intacta Gestión Ambiental.

  • Nuria Álvarez, delegada territorial en Galicia do Instituto para a Transición Xusta (ITJ).

  • Andrea Míguez, responsable de transición enerxética de Reganosa.

  • Silvia Cortiñas, responsable de medio ambiente de Ence Celulosa.

Durante as súas intervencións, as entidades participantes abordarán a súa relación con As Pontes, os proxectos que desenvolven ou teñen previstos no ámbito da sostibilidade e os seus compromisos de futuro.

Ás 12:30 horas celebrarase unha mesa de debate, moderada por Ángel Prieto, na que se analizará o papel da sostibilidade nos pequenos municipios como ferramenta para fortalecer a identidade local, xerar novas oportunidades e avanzar cara a un desenvolvemento máis sostible.

A xornada rematará ás 13:30 horas cun espazo de encontro e intercambio entre participantes no Beach Club Networking by Alvac, situado no recinto do torneo.

Sostibilidade e inclusión social

O foro prestará especial atención á inclusión laboral das persoas con discapacidade, en consonancia co carácter mixed ability da primeira xornada do torneo Beach Rugby Vila das Pontes.

Esta iniciativa busca visibilizar a importancia da participación plena das persoas con discapacidade tanto no ámbito deportivo como no profesional, reforzando os valores de igualdade de oportunidades, cooperación e compromiso social.

Un espazo para impulsar novas colaboracións

Coa celebración desta primeira edición, o Concello das Pontes pretende consolidar un espazo de diálogo entre administracións, empresas, entidades sociais e cidadanía, contribuíndo a compartir coñecemento e impulsar novas iniciativas vinculadas á transformación sostible do municipio.