As Pontes, 5 de marzo de 2024. O Concello das Pontes organizou, a semana pasada, unha xornada formativa dirixida ás institucións e Administracións públicas que conforman a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLCI) do municipio.

Nesta ocasión, a formación versou sobre a violencia de xénero en mulleres e nenas con discapacidade, sendo impartida por persoal profesional da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), entidade de promoción, coordinación e reivindicación da defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade de cara á súa plena integración en todos os ámbitos da sociedade.

Neste senso, Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Igualdade, destacou que “con estas xornadas formativas preténdese non só ampliar os coñecementos das e dos profesionais que compoñen estas Administracións, senón tamén favorecer a coordinación entre as mesmas”.

Partindo dende unha breve contextualización sobre conceptos vencellados á discapacidade, afondouse nas situacións de discriminación e de violencia de xénero sufridas por parte das mulleres e nenas con discapacidade.

A este respecto, visibilizouse como a incidencia de diferentes violencias machistas é maior en mulleres con discapacidade recoñecida que naquelas que non contan con esta situación. Así mesmo, incidiuse nalgúns datos extraídos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller do ano 2020, segundo a cal: a violencia física ou sexual dentro da parella (ou ex-parella) era manifestada por parte dun 20,7% das mulleres con discapacidade recoñecida fronte a un 13,8% por parte daquelas que non; ou a violencia económica sufrida por parte dun 18,1% das primeiras fronte a un 11,6% das segundas. Recordouse tamén que segundo un estudo do ano 2021 realizado pola Delegación de Goberno contra a Violencia de Xénero, “un 17,5% das mulleres con discapacidade que sufriron violencia dalgunha parella afirman que a súa discapacidade é consecuencia da violencia das súas parellas”.

A continuación, mediante unha xornada amena que conxugou vídeos nos que mulleres con discapacidade relataban as súas experiencias no referido a diferentes violencias experimentadas, xunto con casos prácticos a resolver de forma colaborativa e cun debate interactivo entre todas as persoas participantes, foron xurdindo diferentes temáticas de relevancia para o ámbito de actuación abordado.

A modo de exemplo, poden mencionarse algunhas formas específicas de violencia de xénero experimentadas por parte de mulleres con discapacidade recoñecida (por exemplo, a negación dos coidados de forma intencionada, o control abusivo dos gastos ou ameazas sobre a perda da custodia da descendencia) ou dalgunhas eivas na atención a persoas con discapacidade por parte de determinados servizos (por exemplo, a falta de recursos sobre violencia de xénero en linguaxe accesible para diferentes discapacidades).

Ao remate da xornada a concelleira Tania Pardo destacou que “resulta especialmente útil comprender as pautas de intervención ante persoas con diferentes discapacidades, en tanto que se lles debe ofrecer unha atención axeitada ás súas características”. Así mesmo, incidiu en que a xornada serviu para reflexionar sobre a medida en que os servizos dos que se dispoñen para a atención da violencia de xénero están adaptados ás diferentes discapacidades.