As Pontes, 15 de marzo de 2021. O Concello das Pontes contratará a 19 persoas, durante 5 meses, con cargo a una achega de 92.000 euros procedente do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, dirixido ao concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

En concreto, trátase de 19 peóns que realizarán diferentes traballos no termo municipal orientados ao mantemento e limpeza dos espazos públicos municipais así como a garantir a cobertura dos servizos públicos esenciais para a cidadanía.

A incorporación ao servizo realizarase en dúas quendas. Na primeira quenda incorporaranse 10 peóns, desde o mes abril ao mes de setembro, e na segunda quedan serán 9 peóns  que se incorporarán ao servizo, desde o mes de agosto ao mes de decembro.

As persoas interesadas en optar a estas prazas deben, entre outros, cumprir cos seguintes requisitos; ter cumpridos os 16 anos de idade, non padecer enfermidade ou eiva física que impida o normal exercicio da función, non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade e non ter sido separad@ mediante expediente disciplinario do servizo do Estado, Comunidade Autónoma ou Administración Local, así como acreditar o coñecemento do idioma galego coa presentación do certificado CELGA 2 ou a súa validación.

Por outra banda, as persoas aspirantes deberán estar, a lo menos nunha das seguintes situacións; ser muller, ter máis de 45 anos, ser unha persoa con discapacidade dun grao igual ou superior ao 33% recoñecida pola administración competente ou ser unha persoa desfavorecida que estea nalgunha das seguintes situacións: drogodependencia, vivir nun fogar no que ninguén teña emprego, persoas sen fogar, persoas con fogar monoparental/monomarental e persoas con problemas para atopar emprego polo idioma ou cuestións socioculturais, ser unha persoa parada de longa duración ou ser unha persoa vítima de violencia de xénero.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes, xunto coa documentación solicitada, desde o 16 ao 23 de marzo de 2021, ambos os dous días incluídos no Rexistro Xeral do Concello, solicitando con anterioridade cita previa, a través dos teléfonos 667129389 ou 667129380 para evitar aglomeracións e cumprir, deste xeito, coas normas de seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.

Máis información: BOP, número 49, do 15 de marzo de 2021 ou https://concello.aspontes.org/anuncio/seleccion-de-19-peons-no-marco-do-programqa-de-integracion-laboral-2021-pel-concellos-reactiva-2021/