3 de maio de 2023. O Concello das Pontes iniciou, esta semana, a elaboración dun diagnóstico para  identificar as necesidades da poboación maior, en especial da que se atopa en situación de soidade (sexa desexada ou non), facendo especial fincapé no estudo da incidencia da da COVID-19 no fenómeno da soidade.

A Concelleira-delegada da Área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, Tania Pardo destacou que “este estudo supón un avance cara comprender a realidade social no ámbito do concello. A pandemia da covid fixo que as nosas vidas cotiás cambiaran, polo que compre coñecer esas novas necesidades”.

Nesta análise serán identificados diferentes perfís de persoas maiores en función de variables como poden ser o grao de dependencia ou o nivel de acompañamento experimentado para procurará identificar e comprender as súas necesidades e co obxectivo de ter información actualizada de cara a posta en marcha de futuras políticas municipais en materia de coidados e atencións ás persoas maiores.

O estudo contará con dúas fases. Na primeira, farase un mapeo de axentes chave para ser posteriormente contactados para a súa colaboración no proceso de elaboración do estudo mentres que, na segunda fase, se realizará unha análise sociodemográfica e das necesidades da poboación maior.

Dende o Concello, ínstase a colaboración co estudo, sobre todo aos axentes chave que poden axudar a entender a complexidade do fenómeno da soidade social, facendo que unha vez o estudo finalice, se poida tratar de enfocar mellor as políticas sociais.

Segundo Tania Pardo, este proceso no seu conxunto “constitúe unha iniciativa ambiciosa e novidosa que, mediante a actuación en diferentes frontes e coa posta en marcha de múltiples accións, vai contribuír a un maior coñecemento das necesidades e retos que ten o municipio en materia de coidados e atencións ás persoas maiores.”