As Pontes, a 10 de xullo de 2024. A concelleira de industria, Ana Pena, e a concelleira de promoción económica, Elena López, asinaban esta mañá en representación do Concello das Pontes os convenios de colaboración con José Castro, da Asociación de Empresarios SEARA, e con Montserrat Gastelu, da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios  COHEMPO.

A través destes convenios o goberno local quere amosar o seu compromiso co tecido empresarial do municipio, promovendo e apoiando as actividades levadas a cabo polas dúas entidades a prol da economía local e a dinamización e unión empresarial, tanto a través do fomento da cultura emprendedora como impulsando o comercio de proximidade, a hostalaría e sector servizos no seu conxunto.

A asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO), ó abeiro deste acordo, recibirá unha achega de 45.000 euros, para a posta en marcha de campañas e actividades de dinamización para as empresas asociadas, cursos de formación e talleres, gastos xerais e investimento para o ano 2024.

No caso da Asociación de Empresarios SEARA, o Concello de As Pontes achegará 38.500,00 €, para o financiamento do programa de asesoramento a emprendedores e consolidación de proxectos empresariais, as actividades da Rede de Autónomas e Empresarias, o servizo de consultoría sobre axudas e subvencións, o programa de asesoramento financeiro así como para facer fronte aos gastos xerais e investimento da entidade durante o ano 2024