As Pontes, 31 de xaneiro de 2022. O Concello das Pontes, a Asociación Española Contra el Cáncer de Ferrol e As Pontes, e Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebraron esta tarde o acto de clausura da exposición «Resilientes», unha mostra incluída no programa «Corrente Cultural» da Obra Social de ABANCA.  

O acto, celebrado no Auditorio Casa Dopeso das Pontes, contou coa participación da concelleira delegada da Área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude do Concello das Pontes, Tania Pardo; a presidenta da Xunta Local da AECC en Ferrol, Isabel Estevan; a presidenta da delegación da AECC nas Pontes, Dolores Prieto; e o director de Banca Institucional da provincia da Coruña de ABANCA, José Manuel Vilariño.

Tamén asistiu a autora das fotos expostas, Helena Segura Torrella, e varias das protagonistas, como María Rama, Muñeca Díaz, María Hermida, Ague de la Barrera, Lourdes Lage e Lucía Barcia.

Tania Pardo agradeceu a presenza de todas as mulleres que deron forma á exposición, destacando a súa valentía enfrontándose á enfermidade e axudando a darlle visibilidade e “lanzando unha mensaxe positiva e de esperanza tanto ás persoas que a padecen como ás súas familias así como ao conxunto da sociedade”

RESILIENTES

A fotógrafa Helena Segura-Torrella acompaña a varias mulleres durante a súa experiencia co cancro de mama. Retratos fotográficos de estudo que van acompañados dos seus testemuños a través dos que comparten a súa experiencia, os retos aos que se enfrontaron, as inquedanzas que lles xerou o proceso, a esperanza e a vida a celebrar, e nos que expresan o seu agradecemento aos especialistas sanitarios. Unha homenaxe fotográfica a todas as mulleres que sufriron ou sofren na actualidade a enfermidade, e unha mostra da súa resiliencia ante un problema desta índole.

 

Fotografía: Afundación