As Pontes, 30 de maio de 2024. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, acompañado da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta semana as instalacións da empresa de proxectos fabricados en madeira, Adera.

Ademáis de participar nun percorrido polas instalacións que a factoría do grupo Servicio Móvil ten no polígono Cruz das Cabezas, Formoso puido coñecer a unha das cinco alumnas que este ano cursan o ciclo superior de Deseño e amoblamento no CIFP Ferrolterra, ao abeiro do programa Retorna Talento FP, co que colabora Adera, e que permite a galegos residentes no estranxeiro e descendentes cursar estudos en Galicia de formación Profesional.

Valentín González Formoso puido conversar con Paola Valentina Toussaint, que dende abril está a realizar as súas prácticas nas Pontes grazas a este programa autonómico.

Neste senso, o primeiro edil pontés valoraba moi positivamente este tipo de iniciativas e agradecía ao goberno autonómico a “aposta por uns programas formativos que permiten dar unha oportunidade laboral aos fillos e netos de emigrantes galegos, e máis nun campo como é o da madeira tan relevante na comarca, e tamén nas Pontes xa que, tal e como subliñou, 400 persoas no municipio se adican a este sector”.

O alcalde das Pontes agradeceu tamén a colaboración do Grupo Servicio Móvil, un dos grandes referentes empresariais do país con case 3.000 empregados e empregadas; e a implicación do Centro de Formación Profesional Ferrolterra, que da man destes ciclos duais está a lograr a revitalización da formación profesional na comarca.

Ademáis do alcalde pontés e a delegada territorial, á visita tamén se sumaron a edil de Industria, Ana Pena, e o director do CIFP Ferrolterra, Enrique Pazo, que contaron coa compaña do conselleiro delegado do Grupo Servicio Móvil, José Luis Castro.