As Pontes, 11 de xuño de 2024. O alcalde das Pontes continúa coa rolda de visitas ás empresas afincadas no municipio e, nesta ocasión, con todo un líder do sector da construcción e do transporte como é Construcciones Canosa.

Valentín González Formoso compartíu balanzc do traballo que se desenvolve nestas instalacións co seu xerente, Javier Martínez Piñeiro. O rexedor local subliñou o liderato da compañía local no sector do transporte por estrada que “da man dos novos proxectos que se poden facer realidade nas Pontes, tamén verá incrementada a súa carga de traballo”.

No mesmo senso se expresaba Javier Martínez; o xerente da compañía pontesa apuntaba que, a día de hoxe, o seu principal nicho de mercado segue a ser o transporte por estrada e a execución de obras, aínda que a posta en marcha de proxectos coma Reganosa ou a fábrica de papel de Ence tamén suporán unha importante carga de traballo para esta lonxeva compañía local.

Construcciones Canosa leva case catro décadas en activo, dende a súa apertura en 1987 da man do seu fundador: Antonio Martínez Canosa, todo un experto no sector da construcción. A día de hoxe contan con preto de 70 empregados e desenvolven proxectos de obra civil, obras hidráulicas, urbanización de terreos ao que se suma o transporte por estrada.