As Pontes, 10 de marzo| Onte ao mediodía abríase ó uso público na nosa vila unha nova praza, que resulta da intervención no terreo ubicado entre a Avenida de Galicia e a Rúa Perfolla, onde se abría un novo e moderno supermercado.

A actuación non só supuxo a construción dun novo hipermercado, cunha superficie de 2.600 metros cadrados.

Os traballos que executaba o grupo incluíron tamén o acondicionamento desta parcela, ata agora un descampado que se empregaba como aparcadoiro de camións, e en moi mal estado, como praza pública, totalmente humanizada, con zonas verdes e de ocio e mobiliario urbano.

Conta tamén con zonas de aparcamento, que se desglosan en 80 en superficie e 30 en espazo público e de esparcemento para todos os veciños e veciñas.

O novo espazo público levará o nome de Irmáns Tojeiro, e conta así mesmo, cun monumento na memoria dos fundadores de Gadisa, naturais de As Pontes, como lembranza dos nosos veciños que dende aquí comezaron a poñer en marcha o que é o maior centro de distribución de Galicia con pouco máis de 30 anos.

Hoxe foron centos de veciños e veciñas os que acudiron a unha inauguración presidida por Roberto Tojeiro, fillo do fundador, e dende hai seis anos xa Presidente e Conselleiro delegado; e polo alcalde da nosa vila, Valentín González, que con senllos discursos emotivos se dirixían ós presentes.

Houbo moitas referencias ás vivencias aquí desenvolvidas por unha familia con apegadas raigames neste municipio.

Aquela familia Tojeiro abrira as portas dun pequeno ultramarinos nos anos 50, e a día de hoxe tense convertido xa, coa empresa de alimentación Gadisa, na primera sinatura de distribución galega, e que agora mesmo amplía a súa rede de establecementos na bisbarra con este novo hipermercado.

A inversión no proxecto de construción do novo centro, así como no acondicionamento da zona anexa, unha cantidade de ó redor de nove millóns de euros

O remate desta festa de apertura chegaba con todos os asistentes compartindo uns pinchos nos baixos do edifício do Liceo recreativo e artístico.