As Pontes, 22 de novembro| Este domingo, día 26 chega unha nova edición das xornadas de estudos da historia local, Hume.

Serán tres citas en tres semanas consecutivas, nas que a primeira é xa este domingo, cunha polafía.

Para iso contarase coa colaboura da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, e tamén participarán distintos homes e mulleres de As Pontes que nos contarán historias, lendas, cantarán cancións, e recitarán poesía, ademais de outras aportacións que podan xurdir.

As polafías buscan recrear usos de creación musical e literaria de carácter popular.

As antigas xuntanzas tradicionais adáptanse ós nosos tempos co emprego da tecnoloxía actual.

Será ás seis da tarde e na Sala de exposicións do Mercado vello. Cóntase con viciños e viciñas como Eladio, o cego, Pepe de Rosalía, Toñito do Ferpu ou Maruja da Ibérica, entre outros.

Á semana seguinte, xa o venres, e ás 8 da tarde na Casa Dopeso contarase cuns experto na historia do monte en Galicia e nas repoboacións forestais levadas a cabo nos últimos 70 anos que nos explicará como a xestión do monte pasada e presente ten, entre outras consecuencias, os lumes que padecemos nos últimos anos. A ponencia correrá a cargo de Eduardo Rico e Araceli Freire.

O venres 15 de decembro de novo no Mercado Vello, farase a presentación da revista Hume número 10 e outorgarase o premio de investigación Hume correspondente ao ano 2017.

Cúmprense así 10 anos de xornadas e da publicación consecuente, na que este ano figuran os traballos acreedores do Premio de investigación do 2.016. Un deles cunha comparativa entre o Poboado industrial de As Veigas, e outros semellantes noutras localidades do estado, e outro relativo á árbore xenealóxica do século XVII ó XIX.

Asemade, atoparemos un estudo epigráfico sobre a ara romana que está nos soportais do Concello, e un documento dos aproveitamentos hidroeléctricos en todo o termo municipal.

De feito ós asistentes regalaráselles un mapa coa ubicación de todos os muiños de As Pontes.