As Pontes, 1 de xullo de 2022. Máis de 800 deportistas, chegados de toda España, participarán o domingo, 10 de xullo, na Samurai Xtreme Race que se disputará no lago das Pontes, a partir das 11:00 horas da mañá.
Elena López, concelleira de Turismo, durante a presentación da proba, na que tamén estiveron presentes o tenente de alcalde , Antonio Alonso, o concelleiro de deportes, Chicho Tembrás, o equipo organizador da proba e representantes das empresas patrocinadoras, puxo de manifesto a satisfacción que representa para As Pontes contar cunha proba deste nivel, “unha cita ineludible no calendario deportivo da vila, na que se mistura a espectacularidade e a diversión de todos os obstáculos. Agradecer todo o traballo que se fai desde os clubs deportivos, verdadeiros artífices de que, cada día, se acheguen ata a nosa vila máis visitantes e persoas amantes do deporte. Eventos como a Samurai Xtreme Race poñen en valor un espazo que é inigualable para a practica deportiva, ofrecendo novas oportunidades para o desenvolvemento económico do municipio.”
José Rodriguez, presidente do Samurai Sport Club e organizador da proba, fixo fincapé no éxito da proba que voltou a abrir inscricións, ata o luns 4 de xullo, tras pechalas o día 28 de xuño, debido ao alto volumen de solicitudes de ampliación de prazos.
Tamén avanzou algunhas das novidades desta proba, considerada como carreira de obstáculos extrema e incluída, este ano, no calendario da Federación Galega de Atletismo, que desenvolverase na súa totalidade, na contorna do lago, cunha distancia aproximada de 9 quilómetros e que inclúe un total de 59 obstáculos, tanto naturais como artificiais, tales como valos, bidóns, charcos, paso sobre pirámides de madeira, muros, tobogán, aramados, escaleiras, trincheiras de barro, lume, arrastres ou monkey bars.
Os primeiros participantes sairán ás 11.00 horas, dando inicio ás tandas competitivas nas que competirán os corredores e corredoras das ligas de carreiras de obstáculos nacionais e a continuación disputaranse as tandas populares, integradas por uns 150 deportistas, nas que tomarán a saída corredores e corredoras que se inician nesta práctica deportiva e que buscan pasar un bo rato e poñer a proba as súas capacidades físicas. As saídas das tandas populares rematarán ás 13:00 horas.
Rodríguez destacou que “este ano a proba vai se todo un espectáculo xa que o deseño do percorrido permitirá, cando xa estén todas as tandas competindo e o circuíto esté cheo, ver desde un punto central a todas e todos os corredores”
De forma paralela á competición, celebrarase a Samurai Xtreme Race Junior, unha carreira de obstáculos infantil na que participarán nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos. Trátase dunha carreira solidaria na que o importe das inscricións irán destinadas á Fundación DeGen, de enfermidades dexenerativas, na que xa están inscritos preto de 50 nenos e nenas e na que os menores poderán inscribirse, o mesmo día da proba, no lago.
Nesta presentación tamén estiveron presentes Fernando Pico, de Ladival, Jose Manuel Rilo e Emma Anta ,de Rilo e Iría Martínez, de Cohempo que destacaron o traballo da organización dunha proba que é punto de encontro para centos de deportistas amosando o seu compromiso e orgullo por colaborar nunha proba que xa é referente no ámbito nacional
Finalmente, Antonio Alonso, tenente alcalde do Concello das Pontes reiterou o agradecemento aos patrocinadores da proba e aos organizadores e mostrou o orgullo que supón para o Concello “colaborar coas persoas que traballan facendo actividades e eventos que poñen ao noso municipio no mapa. Organización, voluntarios e voluntarias, colaboradores, patrocinadores que fan posible que centos de persoas pasen unha xornada de convivencia, diversión e deporte nun espazo natural único”.
Así mesmo invitou á veciñanza e visitantes a “achegarse o domingo ó lago de As Pontes para gozar dun espectáculo que promove valores asociados á práctica deportiva; traballo en equipo, disciplina e o afán de superación, aspectos esenciais na sociedade actual”.