As Pontes, 06 de setembro de 2024.– O lago de As Pontes acolle mañá a quinta proba do III Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña e na que está prevista a participación de máis de 330 padexeiros e padexeiras de categorías de base de trece clubes de toda a provincia.
A cita pontesa servirá como peche da competición deste 2024 polo que, ademáis dos gañadores e gañadoras de cada unha das regatas, tamén se entregarán os premios aos equipos e deportistas que máis puntos lograsen ao longo das cinco probas que integraron o calendario do circuíto provincial deste verán.
A concelleira Elena López convidou a veciños e veciñas a achegarse ata o areal pontés para animar a estes rapaces e rapazas e quixo salientar o gran éxito de participación desta convocatoria. A edil de Deportes deu conta da gran oportunidade que supón para o municipio acoller este tipo de citas, que axudan a consolidar o lago e o seu entorno natural coma un escenario ideal para probas deportivas de gran envergadura, tanto a nivel autonómico como nacional.
A xornada incluirá regatas en categorías: infantil, benxamín, alevín, cadete, prebenxamín e junior K1, C1 e K4; ás que se sumarán varias probas nas modalidades senior masculino e feminino e veteráns. En canto ás distancias, habilitaranse tres percorridos: 1.000 metros, 3.000 metros e 5 quilómetros, segundo cada categoría.
Con respecto aos horarios, a primeira proba dará comezo ás 9.30 da mañá namentras que dende as 13.00 está previsto que se desenvolvan as probas Senior, Junior e Veteráns masculino e feminino, tralas que se procederá á entrega de premios.
Ata As Pontes se desprazarán integrantes do Club Rías Baixas Náutico de Boiro, o Club Náutico Ría de Betanzos, o Club Kayak Mar Ría Muros-Noia, a Sociedade Deportiva das Xubias, o Club Náutico de Cambre, o Club Deportivo Náutico de Miño, o Club Ribeiras do Tambre, o Club Cabanas KDM, o Club Náutico Firrete de Pontedeume, o Club de Piragüismo Rianxo, O Club Piragüismo Narón e a Escola de Piragüismo de Outes. A eles sumaranse os anfitrións: padexeiros e padexeiras do Grupo Xuvenil de Piragüismo das Pontes que contará cun total de 35 deportistas, 23 en categorías de base e 12 que participarán nas probas de K4 Senior e Veteráns masculino e feminino.

























