RTVEume.- A historia de Eva é algo máis que a dunha nai coraxe que traballa por recadar fondos dirixidos á investigación dunha desas consideradas enfermidades raras. É un modelo de superación, de ir máis aló para loitar contra unha doenza que se sae do común e un exemplo a seguir para aqueles que deben tirar para adiante cun soriso, porque a vida é moi curta para deixarse vencer por unha doenza.

Ela mesma, Eva Jimenez, será a encargada de darnos a coñecer a súa historia o vindeiro día 22, da man da Concellería de Benestar Social, que tamén apostou por traer ata As Pontes o documental “El reto de Eva”, protagonizado por esta nai coraxe, e que recolle os seus esforzos para acadar os fondos que permitan investigar a enfermidade de Dent, que afecta ao seu fillo Nacho.

A empresa Raiola foi a encargada de presentar esta proposta ao concello pontés, a raíz dunha nova de prensa, na que se recollía a historia de Eva e Nacho e o seu interese por presentala tamén en Galicia. A acollida non puido ser mellor, de feito non só o concello, senón tamén varios establecementos comerciais da nosa vila decidiron sumarse a esta iniciativa solidaria, tal e como apuntaban as propias integrantes de Raiola, Montse Fernández e Lucía Formoso.

O vindeiro martes poderemos desfrutar do documental El reto de Eva onde coñeceremos o cómo se xestou a idea de crear a fundación Asdent; afondaremos nesta enfermidade rara, no como afecta a un meniño de 5 anos, e tamén os obstáculos que unha nai, pode chegar a superar por loitar pola vida do seu pequeno, incluso participando na Titan Dessert, unha das probas ciclistas máis difíciles do planeta.

Pero ademáis de ver esta historia na gran pantalla, tamén teremos nas Pontes á súa protagonista: Eva Jimenez, á que tamén poderemos botar unha man colaborando con doazóns para Asdent ou facéndonos con merchandising da fundación, o que permitirá que tamén os ponteses e pontesas aportemos o noso gran de area.

El reto de Eva proxectarase no auditorio municipal Alovi, con entrada gratuíta, e ademáis de ser un valiosísimo exemplo de superación do amor dunha nai polo seu fillo, é unha gran oportunidade para que veciños e veciñas botemos unha man por unha boa causa.

De ahí a necesidade de encher ata a bandeira o Alovi e colaborar con esta iniciativa xa que, tal e como apuntaba Lucía FOrmoso, hoxe é Nacho pero mañá pode ser calquera de nós o que precise da axuda popular.

Este documental, dirixido por Eloi Tomás, proxectarase o martes da vindeira semana, dende as 8 do serán, con entrada libre, e co auditorio municipal alovi como escenario.