As Pontes, 19 de xuño| A cuarta edición xa da Cita coa Historia veu corroborar a progresión desta festa, que volvía congregar a milleiros de veciños e visitantes, que se achegaron ás rúas do noso casco histórico engalanadas para a ocasión.

As Pontes daba, esta fin de semana, marcha atrás ó reloxo da Historia para retornar ó seu pasado de convivencia castrexo romana, un período histórico que nos deixou un rico legado en forma de patrimonio e que forma parte xa da esencia da nosa urbe.

De feito, este evento, que organiza a Asociación A Vila, conta dende o seu nacemento co decidido apoio dun Concello que persegue a posta en valor do noso patrimonio.

É o intre de reivindicar e testemuñar o asentamento romano que tivo moito relevancia neste punto xeográfico que supuña unha roita fundamental como cruce de camiños.

A Ponte romana, seguramente unha reconstrución sobre a base orixinal, ou os achádegos arqueolóxicos do Chamoselo, incluído un mosaico, ou as aras romanas, dan conta deste pasado romano en conviencia cos habitante primixénios.

E que mellor forma de exercer a didáctica para todos os públicos que tinguíndoa de festa?

Así confeccionábase un ambicioso programa no que se facía mesmo moi esixente poder acudir a presenciar todos os eventos parellos a estes tres días de animación e recreación.

Houbo obradoiros, espectáculos de todo tipo, concertos, teatro, gastronomía, pasarrúas, arqueoloxía experimental, animación, mercado, campamentos, xogos populares, deportes, con fútbol gaélico, e olimpiadas bárbaras, ou cetraría, entre outras das actividades nas que se abría a participación de balde a quen quixo facelo.

Logo da apertura oficial o venres, coa lectura do pregón pola actriz local Isabel O´Connor, e a Concelleira de Cultura Sonia Sueiro, que daba paso a tres días de festas, viñeron xornadas de moita calor que retraeron algo a participación nas horas de máis calor, pero os seráns e, sobre todo as noites, fixéronse do máis concorridos.

Para a representación histórica máis fidedigna posible contouse con varias asociacións de recreación histórica xa veterás do veciño Lugo.

Acamparon en As Pontes a Cohors X Urbanae Lucus Augusti, e a Cohors III Lucensium, cos seus lexionarios.

Do lado castrexo estivo a Caetra Lucensium, que, ó igual que os invasores, amosaron como era o día a día nos dous bandos tanto canto á a vida civil como á militar.

Eles foron os encargados de desenvolver tanto loitas de gladiadores, como desfiles e mostras instrución militar. Tamén promoveron obradoiros e exhibicións de coiro ou numismática.

E co tempo tan veranego que tivemos non cabía dúbida de que os concertos do sabado ían ser un dos grandes reclamos. Así conteceu co concerto folk que trouxo ás bandas, Os Tres Trebóns, Riobó e Treporcatro.

Onte tocaba pechar coa despedida dos romanos e celtas acampados nestes días, que aínda nos deixan pendente coñecer ós gañadores do concurso de caracterización que testemuñou que a cidadanía está a vestirse para a ocasión cada vez un pouco máis.

Co peche do mercado e a rúa dos ofícios, a Vila volvía ó presente á espera de nun ano, volver retrasar o reloxo en algo máis de dous mil anos.

IV Cita coa Historia