As Pontes, 14 de outubro de 2020.  O Comité de Empresa de Siemens-Gamesa, transmitiu ó Concello das Pontes de García Rodríguez a súa profunda preocupación polo incerto futuro da pranta de Siemens-Gamesa no Concello da Somozas. Unha pranta que mantén neste momento o emprego de 300 persoas traballadoras das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Ata o de agora a pranta de Somozas tiña unha importante carga de pedidos no mercado nacional, no norte de Portugal e no sur de Europa, que constitúen para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e especialmente para os seus sectores industrial e tecnolóxico unha magnífica oportunidade, por canto se dispón xa de gran experiencia consolidada neste sector.

O Comité de Empresa teme unha posible deslocalización da empresa hacia Portugal, do que xa hai exemplos na contorna, como o caso de Poligal, e que todas as futuras inversións da empresa se deriven á nova pranta portuguesa de Vagos.

Ante esta situación o Comité de Empresa de Siemens-Gamesa solicita a creación dunha mesa de traballo para estudiar a viabilidade da pranta ubicada no Concello da Somozas, na que participen tanto a parte empresarial, como o Comité de Empresa así como as administracións local e autonómica.

Por todo isto, os grupos políticos que formamos a Corporación Municipal das Pontes de García Rodríguez,

ACORDAMOS

Apoiar ó Comité de Empresa da pranta de Siemens-Gamesa no Concello de As Somozas nas súas reivindicacións para manter os seus postos de traballo nunha comarca xa de por si castigada pola falta de carga de traballo.

Instar á Xunta de Galicia e ó Goberno Central a tomar as medidas necesarias que permitan a continuidade da actividade na pranta de Siemens-Gamesa no Concello de As Somozas, aproveitando as oportunidades que ofrecen os plans de Transición enerxética da Unión Europea.