As Pontes, 8 de maio de 2024. A Deputación da Coruña abre o prazo para que os rapaces e rapazas da provincia se apunten aos campamentos deportivos de verán que a institución vai levar a cabo nos meses de xuño e xullo. As inscricións poderán realizarse ata o 28 de maio nos concellos da provincia.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, situado na cidade da Coruña, en cinco quendas de seis días de duración. O prezo do campamento é de 85 euros, que inclúe transporte, estadía e manutención, así coma o gasto das actividades.

Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en zonas de interese na provincia da Coruña. As actividades e xogos buscarán en todo momento fomentar a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.

Entre o equipamento recomendado pola organización para a estadía dos rapaces figura roupa de rúa e deportiva, toallas e útiles de aseo, saco de durmir e lanterna, gafas de sol, crema protectora, chuvasqueiro e mochila.

A rapazada das Pontes participará na segunda quenda (do 30 de xuño ao 5 de xullo) e pode inscribirse no Departamento de Deportes (primeiro andar da Casa Consistorial) ata o 28 de maio.

Pódese solicitar máis información no Departamento de Deportes do Concello das Pontes e nos teléfonos 981 45 26 02 – 634 67 19 68

FICHA DE INSCRICIÓN: DESCARGAR