As Pontes, 15 de xuño| Dende mañá á tarde,  o barrio da Vila estará tomado novamente polos postos de artesanía, de saborosos manxares e por actividades lúdicas do máis entretidas da man dunha nova edición da Cita coa Historia.

Esta cuarta entrega volve estar organizada pola Asociación A Vila, que conta co apoio do Concello pontés para o seu desenvolvemento.

Por cuarto ano consecutivo, rúas coma a Real, San Xoan, o ceminterio vello ou a Praza da Igrexa engalanaranse para levar a veciños e vistiantes a unha viaxe no tempo, ata o período de romanización de Galicia.

Tres intensas xornadas de actividades do máis variopintas nas que ao tradicional mercado de artesanía e viandas se sumarán exhibicións de loita de gladiadores, cetrería, concertos, actividades para os máis pequenos e para o público adulto e, por suposto, moita diversión para todo tipo de públicos e gustos.

O pistoletazo de saída desta festa histórica darase mañá, ás 5 coa apertura do mercado de artesanía ao que seguirán os sons dos primeiros pasarrúas da xornada.

Xa ás 6.30 teremos a primeira das recreacións da man do grupo Cohors X Urbanae Lucus Augusti que protagonizarán unha mostra de instrucción militar tipicamente romana, na praza da Igrexa, á que seguirá o tradicional pregón da Cita coa Historia e do que será protagonista a actriz e integrante do grupo O Catre: Isabel O,Connor.

Coa caída da noite, ás 9, poderemos desfrutar dunha loita de gladiadores e, para pechar o día, ás 10.30, o grupo Troula Animación representará o espectáculo de rúa Errantes.

O sábado, ás 10.30, o mercado volverá abrir as súas portas e novamente teremos multitude de actividades. Así, 11.30 desenvolverase un taller de coiro para nenos e os Feroces da Galgueira porán o seu punto musical á mañá. Ás 12, Cohors Lucus Augusti volverá saír á rúa cun desfile militar e cunha mostra de instrucción militar e, ás 12.30, celebrarase unha sesión de xogos infantís romanos.

Non podían faltar os espectáculos de cetrería. O primeiro o sábado á 1.30 da tarde no ceminterio vello, con redifusión tamén ás 8 da tarde, ou o concurso de caracterización que xa é todo un clásico. Para esta cuarta cita coa historia, novamente instalarase un photocall na praza da Igrexa ao que poderemos acudir o sábado e mailo domingo, de 12 a 2 e de 5 a 7, e alí tomarnos unha instantánea como auténticos galaicos ou romanos para facernos con interesantes premios coma vales desconto en tendas e establecementos de hostalería locais, e que van dos 50 aos 150 euros.

Xa o sábado á tarde, ás 5 regresan as actividades á Vila coa apertura do mercado, diferentes pasarrúas e ata un concurso de pistas para os máis pequenos que se encargarán de cordenar as compañías de teatro locais, Quemaistén e O Catre. Asemade, nesta edición, dende as 6.30 da tarde impartirase un taller de acuñación de moedas romanas e, como fin de festa, poderemos asistir a un concerto folk xa ás 10.30 da noite e no que o protagonismo será para as formacións 3×4, os Tres Trebóns e Riobó.

E a derradeira xornada desta cita coa historia será o domingo e abrirase ás 10.30 da mañá co mercado, a rúa dos oficios e o campamento galaico romano. Novamente, teremos pasarrúas ao longo de todo o día e novos talleres. Por exemplo, ás 11.30 impartirase un obradoiro de confección de colgantes de lama e tamén teremos novos espectáculos de instrucción militar ás 12.30 ou cetrería á 1 da tarde e ás 5.30.

Pola tarde, dende as 5, poderemos tamén participar nun taller de arqueoloxía experimental, no photocall de caracterización galaico romana, ou nun obradoiro de coiro e xa ás 7, terá lugar a derradeira demostración da loita de gladiadores coa que se pecha o intenso programa que mañá arrincará no casco histórico pontés.

E é que non hai mellor plan para esta fin de semana que quedar nas Pontes e sumarse a calquera destas interesantes actividades que, por uns días, farán que a Vila regrese ao século un antes de Cristo e á chegada dos romanos a terras galegas, un percorrido pola nosa historia pero sen saír dos límites da nosa vila.